24-04-2020 resumo e intervención íntegra da Secretaría de Organización do STEG
REUNIÓN DO STEG COA CONSELLEIRA:


Na tarde de onte o STEG, a través do seu Secretario de Organización, Lois Pérez, mantivo unha reunión coa Conselleira de Educación, acompañada do Secretario Xeral, o Director Xeral e dous subdirectores máis.
Na xuntanza, que comezou ás 17 h e se prolongou por espazo de case 3 horas, participaron tamén representantes da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), de ANPAS Galegas, e de CONGAPA, así como da Confederación Intersindical Galega (CIG), de Comisións Obreiras (CC.OO.), da Asociación Nacional de Profesionales de la Enseñanza (ANPE), da Federación de Servizos empregados e empregadas de Servizos Públicos da Unión Xeral de Traballadores Galicia (FeSP-UGT), da Federación de Sindicatos Independentes do Ensino (FSIE), da Federación de Enseñanza da Unión Sindical Obreira (FEUSO), da Central Sindical Independiente e de Funcionarios (CSIF), e de Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG-CUT).
A reunión, sen orde do día, contou cunha intervención inicial de 50 minutos por parte da Conselleira. A continuación, cada unha das persoas presentes tivo unha intervención de 5 minutos. A Conselleira procedeu a explicar as medidas adoptadas ao respecto da pandemia pola COVID-19, cunha chea de datos e cifras que pouca luz botaron sobre a actual situación.
A seguir, reproducímos a intervención íntegra do noso Secretario de Organización nesta reunión, que recolle as cuestións acordadas na Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG e os debates mantidos durante todos estes días nos grupos provinciais ao respecto da actual situación:
"Moi boa tarde a todas/os, son Lois Pérez, secretario de Organización do STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino público de Galiza).
Señora Conselleira, quero comezar agradecéndolle o convite a esta reunión. Primeiro foi a súa carta, agora é unha videoconferencia, agardamos entón que a próxima vez que poidamos vernos en persoa non nos mande ás forzas de seguridade. Ben vé vostede que somos xente que sabe estar. Ao tempo, lamentar a orde de prioridades na fase informativa durante esta crise, pois primeiro vai A Voz de Galicia e de últimos os axentes da comunidade educativa e comprenderá que indo de primeira a Voz teñamos certas reservas sobre o veraz das informacións, estamos nunha grave crise de saúde e entendemos que por pura hixiene democrática sería bo corrixir esta cuestión e que fosen vostedes quen primeiro nos informan.
Compartimos basicamente o parecer aquí expresado por outras organizacións ao respecto do aprazamento das mesmas, entendemos que é o que había que facer. Xa hai tempo, seguro que se nos tivese consultado, tivese aforrado problemas.
Falou vostede tamén de blindaxe, pero a mellor blindaxe sería que se comprometan a respectar as prazas inicialmente convocadas e sumar as que corresponderían á convocatoria seguinte, mais nada disto escoitamos aínda.
Dentro das persoas aspirantes e a este mesmo respecto está o colectivo do profesorado interino e substituto: hai moita inquedanza e tamén dificultades, por iso botamos en falta algunha mensaxe para elas/es, no camiño de garantir a continuidade nas listas do profesorado interino e substituto, así como o cobro do verán naqueles casos en que as persoas substitutas teñan traballado xa cinco meses e medio, ao abeiro da lexislación xa existente ao respecto, máis necesaria aínda dadas as circunstancias.
- a respecto das instrucións e de que están á espera da Orde que dite o Ministerio, queremos trasladar o seguinte: falou vostede de lealdade pero é un curioso xeito de entendela, dende o día da xuntanza co Goberno só escoitamos laios da Consellería e botarlle a culpa ao Goberno do Estado, parécenos moi discutible esa lealdade da que vostedes falan. Pero non soubemos nada máis. Por iso, independentemente desa Orde e de que poidan logo facer as modificacións oportunas, o STEG xulga necesario que a Consellería dite á maior brevidade instrucións claras e concisas ao fío do Acordo anunciado polo Ministerio de Educación coas CC AA a semana pasada, exercendo así as competencias que ten atribuídas en educación e que en termos xerais deben abondar para proceder á execución do acordado en moitos dos seus aspectos. A Comunidade educativa meréceo. As titulacións da ESO e do Baharelato, ao noso parecer, están ben claras e definidas no RD 562/2017, ata que alguén diga o contrario. E o de rectificar non nos parece boa excusa, vostedes xa están bastante afeitas logo do tema das direccións dos centros e ata tres versións distintas.
- informounos tamén vostede do esforzo inxente por dotar os centros e o alumnado de equipos informáticos e conexións a internet. A este respecto, dende o STEG debemos seguir instando a Consellería que vostede dirixe a que proceda a solventar incidencias e problemáticas das que estamos a ter constancia na actual situación:
-a imposibilidade por parte do alumnado e parte do profesorado para acceder á rede en diferentes casos e por situacións diversas.
- que as direccións dos centros, a falta doutras medidas que sería aconsellábel adoptase a Consellería e que deben ser as que sexan de referencia para atender esta cuestión, poidan usar os fondos dos que dispoñen para a adquisición de conexións a internet, no camiño de garantir a igualdade, equidade e xustiza social da educación pública, sen menoscabo da súa capacidade de funcionamento.
- Tentar non multiplicar ad infinitum as plataformas á hora do teletraballo e as actividades online e na medida do posíbel, mellorar a calidade das conexións, pois deixan bastante que desexar. Igualmente cómpre reducir, na medida do posíbel, trámites innecesarios (por exemplo: estanse a pedir de novo
datos aos centros que xa figuran nos documentos que se cubren no comezo de curso)
- urxe tamén sacar unha nova orde sobre libros de texto. Hai 6 anos da anterior, que era o prazo de vixencia e a comunidade educativa en xeral e o profesorado responsábel dos centros precisa saber a que aterse.
- proceder a cubrir as baixas non cubertas naqueles casos en que non se está a facer.
- no relativo a Secundaria, entendemos que sería un erro –se é que queremos atender á equidade- proceder á avaliación do alumnado de 4º e 2º e facelo ir en 15 días aos centros, en aras da equidade que a Consellería di defender. O alumnado con máis dificultades, terá máis dificultades aínda logo desta situación. (quen non se conectou ou non puido, ademais do alumnado que xa tiña dificultades previamente)
- En canto a FP: hai unha problemática importante cas FCT’s, e o alumnado que perdeu o dereito de avaliación , e sobretodo co da FP dual. Queremos saber que pensa facer a Consellería ao respecto. Debe actuar xa, nun sentido ou noutro.
- tamén hai un problema coa Educación de adultos: cun mes escaso de clase, nin un exame feito nalgúns tramos da mesma. A avaliación semella inviable, se temos en conta que non teñen medios nunha alta porcentaxe.
Moito do alumnado que accede á aula virtual só dispón do seu dispositivo móbil con tarifas de datos a todas luces insuficientes. Doutra banda, o alumnado dos centros penitenciarios permanece sen posibilidade de traballo telemático.
Xa remato, señora Conselleira. Procede vostede do eido da superdotación. E superdotación é o que precisa nesta difícil situación o ensino público galego:
superdotación de recursos humanos e materiais que poidan axudar ao alumnado que menos ten e que máis necesidades presenta.
superdotación de profesorado nos centros de ensino para o curso 2020-21, o que contribuirá a reducir as ratios, no camiño de paliar o non desenvolvemento e avaliación dos contidos inicialmente previstos para o terceiro trimestre.
- superdotación de profesorado especialista na atención á diversidade, pois previsibelmente será o alumnado con dificultades quen máis acuse a actual situación.
- superdotación de empatía cos axentes da comunidade educativa e que consensúen algo con nós e nos informen en tempo e forma das súas intencións.
-En definitiva, superdotación de investimento público e superdotación de conciencia do público, por iso o excepcional da situación e as previsíbeis dificultades no futuro a curto e medio prazo, fan que sexa pertinente revisar os concertos educativos e proceder á súa retirada, investindo e fornecendo ensino público, que é quen atende a meirande parte do alumnado e, en concreto e ademais, o alumnado máis desfavorecido e con máis dificultades. No 2010, coa chegada de Feijóo, Galiza foi a campioa dos recortes. Non parece que desen moito resultado. A ver se desta volta, podemos ser as campioas na defensa e no investimento pola calidade do ensino público galego."