OS NÚMEROS DO RECORTE SALARIAL
Unha das medidas que adoptou o novo goberno para reducir o déficit público, mediante o Real Decreto-ley 20/2011, foi a da conxelación do salario a todos e todas as traballadoras funcionarias, a pesares de que o IPC para Galiza foi dun 3,1% no 2010 e dun 2,5% no 2011.
Esta conxelación volve a aumentar a perda do poder adquisitivo do funcionariado galego ao sumarse á anterior conxelación durante todo o ano 2011 e a diminución dos nosos salarios imposta polo Real Decreto-ley 8/2010 de 20 de maio polo que se adoptaron as primeiras medidas extraordinarias para a redución do déficit público.
O STEG fixo os números, antes do primeiro recorte e despois desta segunda conxelación. Podedes atopalos no seguinte documento.
POSICIONAMENTO DO STEG
Desde o STEG consideramos este recorte inxusto ante o conxunto de medidas que se están a tomar. Lonxe daquela promesa de “refundar o capitalismo”, de pular por “unha sociedade do coñecemento”, estamos a asistir á consagración dos principios do neoliberalismo máis salvaxe. Inxustificado tamén, xa que logo, este recorte que non se destina a mellorar a educación pública ou a recursos para os sectores sociais máis desfavorecidos, senón a rescatar aos bancos da desfeita económica organizada por eles mesmos.