A morte dun xoven de 14 anos en Hondarribia colocou
como tema de debate na opinión pública as situacións
de acoso que se producen entre o alumnado. Este fenómeno existiu
desde sempre, en todo tipo de centros educativos, sexan estes públicos
ou privados, elitistas ou marxinais, en grandes cidades ou aldeas pequenas.
E era tomado como algo normal ao que non se lle daba ningunha importancia.
A aparición dunha cultura de defensa dos Dereitos Humanos en
todos os ámbitos e as investigacións de moitos profesionais
da educación viñeron a cuestionar situacións de
acoso cotiás que se dan no ámbito laboral, no familiar
e tamén no escolar. Pónselles nome e comezan a ser consideradas
como socialmente inaceitábeis, iniciándose unha loita
pola súa erradicación.
Desgrazadamente foron dramas como o de Hondarribia os que noutros países
despertaron o interese dos investigadores. Foi a existencia dun promedio
de suicidios anuais a que levou ao Goberno da Gran Bretaña a
estabelecer mediante normativa que todos os colexios debían ter
un plano anti-Bullying.
O STEG considera que a morte do estudante Jokin en Hondarribia debe
supor un salto cualitativo na abordaxe do Bullying nos nosos centros
educativos. A loita contra o Bullying non pode seguir sendo só
un labor voluntarioso de docentes e familias. Debe ser a Administración
Educativa quen dirixa e encabece unha loita organizada contra o bullying
en todos os centros educativos, tanto públicos como privados,
destinando para iso os recursos que sexan necesarios.
-
Debe proporcionarse formación a todo o profesorado,
ao alumnado e ás familias para que coñezan o que é
o Bullying, como detectalo e como afrontalo. Hai que impartir a
formación en cada centro.
-
En cada centro hai que analizar cales son os espazos
e os períodos de tempo nos que a presenza de adultos é
menor, pois é neles nos que se producen a maior parte das
agresións entre o alumnado.
-
Consecuentemente con ese diagnóstico, haberá
que incrementar o número de adultos neses espazos e períodos
de tempo, contratando maior cantidade de monitores para o tempo
de comedor e de recreo, e implantando acompañantes de autobús
para velar por este fenómeno.
-
Deben crearse números de teléfono
gratuítos para a atención e orientación ás
vítimas e a realización de denuncias de situacións
de acoso entre o alumnado.
-
Deben realizarse estudos e investigacións
para medir o nível de incidencia do Bullying en cada centro,
para poder tomar as medidas pertinentes.
-
Os centros deben poder dispor de persoal especializado
para o tratamento das vítimas, dos agresores e das testemuñas.
Todos teñen moita vida por diante como para seguir nese papel
para sempre. Merecen unha oportunidade para saíren da súa
situación.
-
O reto educativo que debemos superar é romper
a indiferenza das testemuñas, facer que esa grande maioría
do alumnado deixe de ollar cara outro lado e se poña do lado
do máis débil. En xogo está a súa educación
moral.
-
Todo iso debe facerse con grande rigor, evitando
ver de repente bullying en todas partes, apoiándose nas experiencias
anteriores e aprendendo dos erros.
O STEG e a Confederacións de STEs-i, ademais de formularen estas
esixencias ás Administracións Educativas, apoiarán
as iniciativas educativas que desde os centros se tomen co fin de comezar
a construír espazos escolares máis sans e máis
seguros.
Secratariado Nacional do STEG
|