SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
![]() ![]() |
SOBRE O ANUNCIO DE AUMENTO SALARIAL PARA 2006
Perante a última proposta do Ministerio de Administracións Públicas sobre os aumentos salariais para o persoal empregado público, correspondentes ao ano 2006, o STEG denuncia que, de novo, se seguen a cometer os mesmos erros por parte do Goberno central sobre os salarios públicos. A suba xeral (2%) non responde á suba real do IPC nin ten en conta as perdas de poder adquisitivo soportadas nos últimos anos polo persoal empregado público. Desde o MAP persisten en considerar suba salarial o aumento das pagas extras até o 80% do complemento de destino do persoal funcionario (o que significa un 0,74% global), cando o resto de traballadoras e traballadores teñen incluído nas pagas extras o seu salario mensual completo. De novo se mantén como suba salarial o 0,5% destinado ao fondo de pensións privado do persoal da Administración Xeral do Estado. Xa van tres anos en que a mesma cantidade se vende como suba (non se sube un 0,5% máis que os anos anteriores, senón que é a mesma porcentaxe, que se repite). Alén disto, as cantidades que van parar a este fondo de pensións privado (cuxos accionistas son BBVA, UGT e CCOO), e sobre as que o persoal empregado público non ten capacidade de decisión (é obrigatorio investir no Plan), seguen a considerarse salario. Proponse un 0,3% para diversos asuntos, algúns deles vencellados á produtividade, concepto retributivo empregado de forma repetitiva para premiar ou castigar as relacións (boas ou más), cos poderes políticos ou coas direccións dos órganos administrativos. Desde o STEG e STEs-Intersindical seguimos a demandar unha negociación real e descentralizada dos salarios e das condicións de traballo, e reclamamos que se deixe o ámbito restrinxido do Foro polo Diálogo Social para informar sobre as propostas gobernativas. Pedimos subas
salariais que recoñezan a suba do IPC, vinculándoas a unha cláusula
de revisión salarial, así como a necesaria recuperación do
poder adquisitivo perdido nos últimos anos. Igualmente, negámonos
a considerar como salario o que non é máis que un negocio seguro
e unha xustificación da diminución e da privatización das
pensións públicas.
|