SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
![]() ![]() |
O STEG CO PROFESORADO INTERINO NO SENADO
O STEG dentro da Plataforma Estatal de Sindicatos polo Acceso Diferenciado do Profesorado Interino, en cumprimento dos acordos alcanzados, entrevistouse o día 22 de febreiro con varios senadores para tratar de resolver a grave situación de inestabilidade laboral e precarización do emprego na que se encontra este profesorado, así como as consecuencias nefastas ás que se verá novamente sometido cando as interinidades non superen o 8% do emprego público docente, tal e como é o obxectivo do Goberno do Estado, do Goberno Galego e do resto de Comunidades Autónomas. A presentación que fai nestes momentos a LOE de acceso á función pública docente, non garante que sexa o profesorado interino o que ocupe as prazas que se oferten, xa que logo a readaptación ten todas as condicións para que sexa a conta dos/as traballadores/as que xa desempeñan as súas funcións docentes, con longos anos de experiencia como interinos. A actuación do STEG e da Plataforma fixo posíbel que ao Senado se levaran varias emendas de parte de diferentes grupos políticos, que apuntan á solución do problema en maior ou menor medida. O obxectivo desta Plataforma é que se consiga unha emenda transaccional baseada nun acceso diferenciado á función pública docente que poida ser trasladada de novo ao Congreso e reabrir o debate que achegue solucións en positivo á nova lei educativa. Das entrevistas realizadas cos representantes dos grupos BNG, PP, PSOE, CC, e ENTESA, despréndese a vontade de responder á nosa petición. Non obstante, foi o Grupo Socialista no Senado quen expresou maior dificultade para sintonizar coas reivindicacións do colectivo, alegando compromisos políticos derivados do Acordo de 20 de outubro sobre Condicións Laborais do Profesorado con outros sindicatos. Hai máis de 3000 docentes en Galiza e 80.000 docentes en todo o Estado que dependen da solución que se achegue desde a LOE, e da resposta política que se necesita para, por unha banda, consolidar e estabilizar os seus postos de traballo, e por outra que achegue maior calidade á Educación Pública, xa que o sistema conservaría un persoal docente sobradamente formado e experimentado. O STEG en representación do colectivo de interinos/as de Galiza, e os demais sindicatos da Plataforma en representación do resto do colectivo do territorio estatal, concluímos a xornada esperanzados, e valoramos positivamente a comprensión do problema e a dispoñibilidade manifestada polos mencionados grupos políticos do Senado para que se alcance algún acordo que mellore a posición actual. STEG e Confederación de STES-i, CIG, CGT, SADI,
EA Canarias, INSUCAN, AFID-CV, PIDE, SALDI, ASOCIACIÓN DE PNNs. febreiro 2006 |