Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Borrador de RD polo que se establece o complemento de especial dedicación ao centro

O MEC quere publicar un decreto que contempla un novo complemento retributivo para o profesorado que “incentive a maior dedicación horaria ao centro e a súa implicación en tarefas adicionais vinculadas á práctica docente”; o que nos leva a cualificalo de “estraño complemento de produtividade”.

O MEC, en desenvolvemento dun punto do acordo que firmou con algúns sindicatos o pasado 20 de outubro, recollido despois no artigo 105.2 b. da LOE, pretende implantar un complemento de produtividade no ensino, complemento que se cobraría durante un curso escolar e que debe solicitar cada profesor ou profesora persoalmente ao inicio de cada curso; e aquí xorden os primeiros interrogantes: quen o concede?, con base a que criterios?, ante quen se pode reclamar a súa denegación?, cantas horas máis de dedicación ao centro son necesarias para o cobrar?

O complemento que o MEC quere implantar e a forma de o conceder non están en absoluto explícitos no proxecto de decreto que entregaron en metade das vacacións. Non está nada claro quen pagará este posíbel complemento: o MEC non previu unha partida orzamentaria para o mesmo e parece que pretende que o pague a Consellaría de Educación cos seus propios fondos. Se é un complemento novo de ámbito estatal, o MEC debería transferir á Consallería de Educación a cantidade correspondente para que se poida pagar a todo o cadro do noso País, pois é un complemento que se inventou o MEC e que, polo tanto, debe financiar.
Tampouco está claro o que é máis importante, se é posíbel que o cobre todo o conxunto do profesorado galego ou haberá un tope máximo de profesores e profesoras que poidan cobralo; entendemos que do proxecto de decreto se extrae que só o cobrará quen vexa a súa solicitude aceptada, e que se saberá a finais de xaneiro de cada curso, cando as teóricas actividades leven xa case medio curso realizándose . Parece que pretenden dividir aínda máis ao profesorado.

Para o STEG a proposta de implantación deste complemento é un intento máis de introducir no ensino os modos de xestión das empresas privadas, sen ter en conta que o ensino é un traballo en equipo no que, para que teña éxito, cada persoa cumpre un cometido, debendo existir entre o profesorado as menores diferenzas retributivas posíbeis.

A introdución deste complemento trata, polo contrario, de dividir un pouco máis ao profesorado, gratificando economicamente tarefas distintas do traballo diario co alumnado, o que supón infravalorar a tarefa do profesorado.

Desde o STEG ante esta proposta do MEC e dalgúns sindicatos e a teor do aumento das dificultades que día a día entraña a tarefa de ensinar e como medida de recoñecemento ao Profesorado diante da nova reforma educativa, propomos ao MEC e ao resto de sindicatos que en lugar deste complemento discriminador se aumente en 250 euros mensuais o Complemento Específico Xeral (que é igual en todo o Estado) de todo o Profesorado no período de implantación da LOE, comezando este ano co pagamento dos 60 euros desde o momento da publicación da LOE no Boletín Oficial. Esta sería, de se aprobar, unha forma efectiva de recoñecemento á tarefa docente e de apoio ao conxunto do profesorado.

Secratariado Nacional do STEG
setembro 2006