Galiza
é o primeiro territorio do estado que permite ao profesorado
de relixión realizar funcións que por lei non lles
corresponden.
A
Consellaría aceptou a petición do STEG de eliminar
o artigo 4 que permitía que ocupasen cargos directivos.
Consideramos
insuficiente esta modificación da orde ao manter a posibilidade
de que realicen funcións docentes
O
STEG fará unha campaña para animar a nais e pais
a denunciar todos aqueles casos nos que o profesorado de relixión
ocupe calquera función que lle corresponda ao funcionariado
docente.
O
STEG ten recurrida esta orde perante o Tribunal Superior de Xustiza
de Galicia
|
O RD 696/2007 de
1 de xuño estabilizou en todo o estado español ao
profesorado de relixión, convertendo os seus contratos
temporais (de persoal laboral, non docente) en indefinidos. Este
RD obrigaba a Galiza e ao resto dos territorios do estado a desenvolver
unha orde que levase a cabo este proceso. Con esta orde, ao redor
de 1000 profesoras e profesores de relixión que son propostos
pola xerarquía eclesiástica pasaban a indefinidos
ata a súa xubilación.
O xoves 5 de xullo na mesa sectorial de educación
de Galiza debateuse o borrador desta orde. Ademais de garantir
a estabilidade a este profesorado tal e como manda o RD (aspecto
valorado positivamente polas outras centrais sindicais e no que
non entra o STEG ao non poder modificalo en Galiza), incluíanse
dous artigos, (entre outros), que, segundo a nosa opinión
( despois de consultalo xuridicamente) exceden o ámbito
do que pode exercer nun centro este profesorado.
Expliquémonos:
- o artigo 4 permitía que foran nomeados cargos directivos.
- o artigo 5 permite que realicen funcións que son propias
do funcionariado docente tales como: titorías, dinamización
da convivencia escolar, dinamización da biblioteca...
3. ademais, tamén poderían realizar gardas.
A LOE recolle que este persoal laboral (así
son os seus contratos, polo tanto non docentes ) só pode
impartir a materia de relixión pois a habilitación
dada pola xerarquía eclesiástica é exclusivamente
para esta función, a diferenza do profesorado docente.
O profesorado docente pasou un proceso selectivo público
e en igualdade de condicións que o habilita para as tarefas
docentes que realiza (titorías, gardas, dinamizacións...),
mentres que a selección do profesorado de relixión
non é pública e ademais é subxectiva en función
da coincidencia ideolóxica coa doutrina oficial da confesión
da que se trate.
Desde o STEG denunciamos que funcións
tan importantes como esas, sinaladamente a titoría, non
poden deixarse a persoas que teñen a misión de instruír
nos contidos dunha confesión relixiosa concreta. Ademais,
cando estas confesións se caracterizan pola súas
expresións públicas sexistas e homófobas
que vulneran a lexislación vixente e o espírito
da Constitución española. Chama a atención
que estas medidas se propoñan precisamente nunha administración
gobernada polo PSOE, xa que contradí claramente á
LOE e vai en contra de todos os contidos da Educación para
a cidadanía aparecida con esta Lei.
Con esta ORDE, a partires de agora, na Galiza
pode darse o paradoxo de que haxa alumnado que non curse relixión
e que teña realizando a función da titoría
ao profesorado de relixión. Imaxinémonos as charlas
de titoría que pode ter coas nosas fillas e fillos unha
profesora ou profesor de relixión cristiá, musulmá,
evanxélica ou calquera outra...
Desde o STEG demandamos da Consellaría
de Educación que retire o artigo 5, tal e como xa fixemos
na mesa sectorial na que se presentou, xa que contradí
o que un goberno progresista, co apoio das centrais sindicais,
debería facer.
Estamos e realizar unha campaña tanto
a nivel nacional como estatal (comezamos xa no mes de xullo enviando
carta a todas as federacións territoriais do PSOE) denunciando
esta concesión do PSDG-PSOE aos sectores máis conservadores
da sociedade.
Animaremos a todas as nais e pais a denunciar
as situacións nas que teñan ao profesorado de relixión,
de titores, facendo actividades docentes ou simplemente gardando
aos seus fillos ou fillas que non cursan relixión. |