Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

AULAS DE INFANTIL EN GALEGO EN CONTEXTOS CASTELÁNS FALANTES

Ante o adiamento da Orde pola que se regula a concesión de subvencións a centros educativos públicos para a implantación de accións que potencien o ensino en lingua galega en infantil, o STEG preguntou na Mesa Sectorial polo futuro dese programa de aulas de infantil en contextos castelán falantes. A resposta da Consellería foi desconcertante: primeiro, porque mostraron un descoñecemento absoluto polos programas que estaba a desenvolver a propia Consellería; segundo, porque a súa resposta foi negativa, mostrando un claro retroceso en materia de normalización do galego.
O Programa, inserido no marco do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en contornos castelanfalantes e garantir a educación infantil en lingua galega, no marco dun proceso de normalización lingüística, foi valorado positivamente polo STEG no seu momento, polo que demandamos a súa continuídade. Para lograr ese obxectivo, dende o STEG fixemos as xestións oportunas perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para garantir a continuidade do programa.
Hoxe recibimos resposta do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, na que se garantía a posibilidade de continuar co programa, se ben sen subvencións por parte da Consellería.
O STEG, pois, pode felicitarse de ter conseguido:

  1. primeiro, a autorización a aqueles centros que queiran iniciar o programa no vindeiro curso 2009-2010;
  2. segundo, a garantía de continuidade do programa naqueles centros nos que se implamntara no curso 2008-2009.

Con todo, dende o STEG denunciamos o feito de que a Consellería non vaia avisar aos centros afectados, sendo nós, quen teñamos que tomar a iniciativa de avisalos.
Dende o STEG, seguiremos atentos a calquera retroceso en materia lingüística que pretenda levar a diante este goberno lingüicida.

 


Secretariado Nacional do STEG
Galiza, 1 de xullo de 2009