Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A CONSULTA A NAIS E PAIS DEMOSTRA A NECESIDADE DO QUE XA ERA OBVIO: A OBRIGA DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN E PROMOCIÓN DA LÍNGUA GALEGA

E para chegar a estas conclusións da Consellaría de Educación era preciso o despilfarro de milleiros de euros?
As conclusións da Xunta, tendo en conta o contexto mediático no que se desenvolveu a consulta, amosan que a maioría das persoas que participaron queren que o noso alumnado teña competencia lingüística en galego. Ademais, demostra que segue a existir unha importante porcentaxe, malia que minoritaria, que non desbotou os prexuízos contra o galego.

O STEG rexeita a idea da Consellaría de erixir esta psudo-enquisa como se fose un estudo serio para orientar a política lingüística que precisamos.Os motivos que nos levan a afirmar isto son varios, os mesmos que expuxemos no seu momento cuestionando este inquérito: lexitimidade da enquisa en tanto ao fondo como a forma ( enunciado confuso das pregunta dando a entender que estábase a escoller todo o ensino en galego cando estábase a falar só das materias troncais, que non existen nin en Primaria nin en Secundaria ; erixir as nais e pais en persoas privilexiadas á hora de determinar a política lingüística do país- por que non un referendo para toda a sociedade?, falta de transparencia en todo o proceso – que garantía temos sobre a fiabilidade destes datos? ) e o contexto de intoxicación mediática en torno á realidade nos centros, prohibición desde o correo da Consellaría  de transmitir información fidedigna a nais e pais , descoñecemento de datos desglosados entre ensino  público e privado, información sobre a distribución da altísima abstención, que cuestiona radicalmente esta iniciativa da Consellaría...

Neste sentido demandarmos que os estudos a ter en conta para analizar a realidade lingüística en Galiza só poden ser os realizados por expertos en sociolingüística  da sociedade galega, que son os que gozan de todas as garantías esixibles a un estudo de carácter científico e non esta patraña organizada pola Consellaría.

Agardamos que esta enquisa sexa o final da campaña electoral na que semella que aínda estamos, e que este goberno comece a gobernar para todo o país e non só para unha minoría coa que se considera en débeda .

 

Secretariado Nacional do STEG
Agosto 2009