Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN PERSIGUE A LIBERDADE DE EXPRESIÓN
 
Envía un correo intimidatorio ante a iniciativas dos centros de transmitir información fidedigna sobre a situación do galego.

A Consellaría de Educación enviou un correo electrónico aos centros que prohibe expresamente facer calquera manifestación en favor do uso e promoción da nosa lingua. Con esta medida a Consellería está a vulnerar un dos principios básicos do estado de dereito: a liberdade de expresión.
De poder aplicarse esta medida estaría atentando conta  a liberdade sindical xa que ningún sindicato podería tampouco facer manifestacións sobre esta tema, limitaría  a liberdade dos claustros e estaría a prohibir aos equipos de normalización lingüística a súa función: promover o uso normal da nosa lingua.


Consultada a nosa asesoría xurídica o STEG quere deixar constancia do seguinte:


1. Ao non ser unha circular, nin decreto nin orde, só é un correo electrónico, non ten valor normativo ningún.


2. A ausencia de valor normativo impide calquera actuación da administración contra aqueles centros que realicen actividades de promoción da nosa lingua. No caso de calquera actuación da administración contra algún centro podería actuarse con todas as garantías xudiciais contra a administración.


3. A Consellaría sabe que non ten ningunha legalidade esta prohibición- non é casual que se envíe no corpo do correo electrónico, e non nas instrucións anexas- pero busca o efecto disuasorio e intimidatorio ante as numerosas iniciativas que desde os centros están a ter lugar para achegar ás familias información contrastada sobre a competencia lingüística en  galego.

Desde o STEG queremos animar a todos os centros educativos e concretamente ao profesorado a facer uso da liberdade democrática e levar a diante todas as accións  que tiñan previstas en favor da nosa lingua. Non podemos permitir que unha administración nos impoña a realización dunha acción como é a enquisa e ao mesmo tempo impida a liberdade de expresión.


Este paso da Consellaría é unha irresponsabilidade antidemocrática dificilmente reparábel e de consecuencias imprevisíbeis ao atacar un piar fundamental da democracia: a liberdade de expresión.


Facemos un chamamento a que a comunidade educativa de unha resposta contundente e unha lección de responsabilidade democrática como a que deu hai uns anos  ante a famosa circular do goberno Fraga co Prestige, iniciativa sen dúbida inspiradora deste correo actual.

 

 

 

Outros documentos relacionados:

Versión para imprimir

 

Secretariado Nacional do STEG

Galiza 11 xuño de 2009