Desde o STEG rexeitamos a posibilidade de segregación por razón de lingua tal e como manifestou o Conselleiro
A enquisa, nos termos que se pretende, non é precisa e pode afondar na desvalorización social do galego
A política educativa galega debe ter como obxectivo o promoción da nosa lingua para a normalización do seu uso no conxunto da sociedade galega. O Estatuto de autonomía de Galiza estabelece que todas e todos as galegas e galegos temos o dereito a empregar a nosa lingua e dificilmente se pode facer uso deste dereito se non se ten a capacitación ou competencia para facer uso dela.
Neste senso a escola é o instrumento imprescindíbel para que toda a poboación galega teña a competencia necesaria na nosa lingua, e que, libremente, poida expresarse nela cando así o decida. A idea da segregación lingüística imposibilitaría a realización do dereito estatutario para expresarse en galego xa que a segregación supón a rebaixa nas competencias lingüísticas dos castelanfalantes e xa que logo unha menor capacitación da que demostran os estudos de sociolingüística na actualidade.
Para o STEG, tendo en conta todos os estudos sobre o actual mapa sociolingüístico de Galiza, a segregación é economicamente inviábel (que sería o de menos de ser necesaria) lexislativamente imposíbel, politicamente inadmisíbel e pedagoxicamente aberrante. O único que se conseguiría con esta medida, sería que unha parte moi importante do noso alumnado rematara os seus estudos non universitarios sen un dominio básico da lingua galega, é dicir, estariamos a promover o analfabetismo lingüístico e entendemos que esa non é a función da escola.
Na Galiza existe unha comunidade onde maioritariamente se fala a lingua propia e cunha pacifica convivencia cos monolingües en castelán, a segregación sería o inicio da creación de dúas comunidades coas imprevisíbeis consecuencias para a convivencia no futuro. Neste sentido a segregación sería unha irresponsabilidade política que nada aportaría á promoción da lingua desvalorizada socialmente e que é a única que perde falantes: o galego.
Todos os estudos de sociolingüística demostran o perigo de desaparición da nosa lingua ante a fortaleza mediática do castelán xunto cos falsos prexuízos que parte da sociedade galega posúe sobre a lingua galega. Neste senso para o STEG non ten sentido unha enquisa que pretende a falaz idea da liberdade de elección de nais e pais cando o pretendido é aproveitarse desa desvalorización social da lingua galega (mesmo entre a poboación galego falante) para logo xustificar políticas regresivas ao redor do galego. Xa existen estudos técnicos e independentes para orientar a política educativa sen necesidade dun gasto innecesario para as arcas públicas.
Por outra banda, hai que desbotar a idea de que as nais e pais poden elixilo todo no que aos seus fillos/as se refire. O dereito ao coñecemento (sexa de linguas ou doutro tipo de contidos) é unha decisión do conxunto da sociedade e non dun grupo social concreto no que tamén podemos incluír á familia. Os dereitos das fillas e fillos a aprender galego non poden ser vulnerados polos proxenitores ou titoras/es legais.
O STEG fai un chamamento á cordura e á reflexión, para que a Consellería deixe de anunciar medidas polémicas que só serven para dividir á sociedade galega nunha cuestión na que sempre se pescudou o consenso tan necesario para a supervivencia deste patrimonio de todas e todos nós.
SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
Galiza a 19 de maio do 2009