Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG solicita a sipresión do Art. 13 da addenda por discriminatorio ao suprimir dereitos laborais do profesorado interino

O SINDICATO STEG, apoia a reivindicación do Sindicato de ensino de CNT relativa a inmediata supresión do art. 13 b) da Addenda de 11 de Xullo de 2006 ao Acordo de 20 de Xuño de 1995, asinada por ANPE, CCOO e CSI-CSIF, que sinala que “Decaerán no seu dereito a estar nas listas e aos chamamentos de candidatos os que sexan sancionados con suspensión de funcións en razón de expediente disciplinario”, por considerar que dita addenda atenta contra os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras do ensino, vulnerando os principios constitucionais elementais de proporcionalidade na graduación de faltas e sancións e de tipicidade, que exixe unha correlación entre falta e sanción, así como a imposibilidade de impoñer unha sanción sen previa tipificación da falta que conleva aquela.


Este artigo da addenda implica a absoluta irrelevancia da calificación da falta como de grave, moi grave ou leve, conlevando a mesma consecuencia para calquera falta que implique suspensión, así como tamén a absoluta irrelevancia da graduación da sanción, xa que unha vez imposta esta, a consecuencia vai a ser a mesma: expulsión das listas, con independencia dos días de suspensión impostos.

Consideramos ademais que o procedemento sancionador é discriminatorio, xa que se rixe pola Lei de Réxime Disciplinario de Funcionarios Públicos, pero a sanción é superior á establecida nesta lei para os/as funcionarios/as, polo mero feito de ser interino/a ou substituto/a. É dicir, non se cumpre a sanción de 25 días de suspensións de funcións imposta en base á mencionada lei, senón que se expulsa ao traballador das listas en base á cláusula 13.b) da Addenda ao Acordo de 20 de Xuño de 1995, sen que tal sanción se corresponda con ningunha falta tipificada en ningunha norma, supoñendo, en definitiva, un despido.

 

Secretariado Nacional do STEG
Galiza abril do 2009