| NOVO DECRETO DE GALEGO
 O decreto de galego do PP, ou decreto contrario 
          á normalización do galego, recorta os dereitos das persoas 
          galegofalantes e afondará no fracaso escolar.
 Desde o STEG, de ir adiante, entenderemos a 
          desobediencia civil do profesorado que decida empregar a lingua galega
 
  Esta norma parte dun absoluto descoñecemento 
          da realidade dos centros educativos nos que se constata unha dramática 
          caída da presenza do galego, ademais da imposibilidade de impartir, 
          na maioría deles, as áreas en outras linguas. Debendo 
          ser un decreto que protexa a lingua minorizada, a única que corre 
          perigo de extinción, ao non facelo, estalle a dar o golpe máis 
          duro á lingua desde o franquismo.
 A esperpéntica proposta da Xunta de Galiza, con absoluta seguridade, 
          fomentará a conflitividade nos centros ao prohibir o labor de 
          normalización lingüística do profesorado. Ao ser 
          o tema lingüístico un aspecto sensíbel, o feito de 
          introducir ás familias na imposición da lingua ao profesorado, 
          por inhibirse a Consellaría de realizar o que é o seu 
          traballo e deber, irá en detrimento da convivencia nos centros. 
          Diminuirá a capacitación do noso alumnado en ciencias, 
          linguas, arte, filosofía, matemáticas, física...ao 
          introducir a dificultade da lingua estranxeira no currículo. 
          Moitas nais e pais son conscientes das dificultades que moitas materias 
          entrañan, polo que engadir a dificultade da lingua estranxeira 
          sabemos en que situación porá ao noso alumnado, en especial 
          ao que precisa máis apoio. Polo tanto a conclusión é 
          clara: estamos ante unha norma contraria á normalización 
          do idioma galego, que afondará no fracaso escolar, e que violentará 
          a boa convivencia existente ata hoxe nos centros educativos de Galiza.
 Para o STEG a norma vulnera o dereito do profesorado 
          ao uso do galego no seu traballo ademais de poñer atrancos para 
          que a sociedade civil, neste caso o profesorado, de forma desinteresada, 
          colabore nun ben común como é a transmisión e normalización 
          do idioma ás novas xeracións.
 Neste sentido desde o STEG xa prevemos un escenario de desobediencia 
          civil xa que a defensa da lingua galega tórnase agora nunha cuestión 
          de conciencia amparada por normativa internacional e mesmo pola Constitución 
          española e o estatuto galego. O obxectivo do profesorado que 
          tome esta decisión será remediar a desprotección 
          na que deixa á lingua. O incumprimento será a nova norma 
          do galego xa que é o único camiño que nos deixa 
          este goberno lingüicida. Desde o STEG poremos a nosa asesoría 
          xurídica para defender a todo o profesorado comprometido coa 
          normalización do idioma e por ende co obxectivo de facer do noso 
          alumnado cidadáns cultos pola adquisición da riqueza lingüsitica 
          que ninguén lle pode furtar.
 
 Moi ao noso pesar, na medida en que non nos gusta xudicializar a política, 
          a nosa asesoría xurídica está a estudar a posibilidade 
          dun recurso baseado na idea de que o non recoñecemento da situación 
          de desigualdade incumpre a obriga de protección e promoción 
          estatutaria. Non recoñecer a desigualdade do galego ante as outras 
          linguas e tratalas como se partiran da mesma posición, coloca 
          ao goberno da Xunta no primeiro en desprotexer a lingua galega e polo 
          tanto no primeiro en ir contra a nosa lingua.
 
 
 
  Documento 
          en pdf para imprimir
  Secretariado Nacional do STEGxaneiro 2010
 |