Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

RELIXIÓN E ESCOLA
Rouco Varela minte e falsea a realidade educativa

Fronte ás recentes declaracións do presidente da Conferencia Episcopal española, o cardeal Rouco Varela, nas que denuncia os graves problemas que, ao seu xuízo, sofre o o sistema educativo (entre os que menciona a “crecente indisciplina e violencia nas aulas, a perda de autoridade do profesorado e unha educación sexual e impartida sen criterios morais”), así como a “permanente situación de verdadeira heroicidade pedagóxica”, xa que se vén “obrigados a recibila en condicións difíciles e discriminatorias”, incumprindo o Acordo coa Santa Sé en materia relixiosa, o STEG quere facer as seguintes matizacións:

Primeira: os Acordos que o Estado español asinou coa Santa Sé deben ser denunciados como anticonstitucionais e, xa que logo, anulados.

Segunda: o discurso da perda da autoridade e da violencia nas aulas non se corresponde coa realidade, polo que estamos ante o discurso habitual na dereita co que se pretende degradar o prestixio da escola pública fronte aos centros provados ou controlados polas institucións relixiosas nas que só aparentemente reina a orde.

Terceira: alén de que nun estado aconfesional a relixión debería de permanecer fóra das aulas, dende o STEG acusamos ao cardeal Rouco Varela de mentir descaradamente e de falsear a realidade. Se hai algún alumnado discriminado e marxinado nos centros público, -xa non digamos nos centros concertados, nos que en moitas ocasións non é posible estudar a alternativa á relixión-, é o alumnado que cursa Atención Educativa, que habitualmente ten que ser desprazado da súa clase e que é tratado como un caso raro entre unha maioría que por hábitos e conveniencias sociais opta por ser adoutrinado na relixión católica.

A Igrexa sempre actuou como se estivese á marxe das institucións políticas e das leis que nós mesmos nos demos e que rexen o funcionamento da nosa sociedade. Fronte a esa actitude cómpre recoñecer a laicidade do Estado, pois o Estado confesional, como o estamos a ver coa súa actitude e como ben sabemos polo noso pasado recente, caracterízase pola subordinación do Estado aos ditados relixiosos, obrigando ao cumprimento dunhas normas que non emanan precisamente da vontade do pobo nin da nosa propia experiencia ou coñecemento científico e racional, senón que reflicten os intereses dunha minoría con capacidade para interpretar os desexos e a vontade dun ser sobrenatural.

Artigo en pdf para imprimir

Secretariado Nacional do STEG
novembro 2009