GALEGO. SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO
A sentenza do Supremo sobre o galego
no ensino defende a idea de que as nais e pais non poden impoñer
a ignorancia lingüística sobre as fillas e fillos
Para o STEG a recente sentenza do
supremo ven poñer un pouco de sentido común no debate
dos últimos meses sobre o galego no ensino. Desde o inicio deste
debate o STEG defendeu a idea de que a escola debe garantir a competencia
lingüística na lingua propia de Galiza ( a única
non garantida ) e que este obxectivo debe ser compartido por toda a
sociedade galega para que ningunha crianza fique sen esta aprendizaxe
e polo tanto non haxa, ao saír da escola, analfabetos lingüísticos.
O debate suscitado por parte dos grupos ultraconservadores sobre a imposición
e elección das nais e pais en materia lingüística
foi, e é, cualificado polo STEG de falso no tocante á
imposición e falaz no tocante ao da elección. Para o STEG
ningún dereito das nais e pais sobre as fillas e fillos pode
coartar os dereitos das crianzas á aprendizaxe. Non podemos invocar
un pretendido dereito de elección para converter ás nosas
fillas e fillos en analfabetos lingüísticos. Tampouco se
pode invocar para impedir o futuro dereito de elección de lingua
das nosa fillas e fillos xa que sería imposíbel a elección
se coartamos o coñecemento.
Neste sentido o STEG valora positivamente a sentenza e felicita a toda
a sociedade galega xa que apuntala o camiño da maioría
social deste País que desexa e quere o coñecemento do
galego, para o que é preciso mellorar as políticas de
normalización lingüística e así conseguir
o obxectivo da competencia lingüística do noso alumnado.
Demandamos da Administración galega a volta ao sentido común
que marca esta sentenza do Supremo e que dea marcha atrás nas
acción involucionistas que supuxeron as medidas que leva tomado
e que volva ao verdadeiro consenso adoptando as medidas necesarias para
inverter a tendencia que anuncian os estudos serios de sociolingüística.
A realidade lingüística e sociolóxica de Galiza-
a pesares da perda de galegofalantes- aínda pode invitar ao optimismo
se toda a clase política deste país está a altura
das circunstancias e, deixando de xogar co idioma, traballa polo obxectivo
común de que en Galiza se fale en galego con normalidade.
Documento
en pdf para imprimir
Secretariado Nacional do STEG
Novembro 2009
|