STEG ó día · STEG opina

25-03-2015

A Xustiza sentenza a ilegalidade da actuación da Consellaría

Cese da dirección do IES Illa de Arousa

A xustiza declara ilegal o cese da dirección do IES Illa de de Arousa

 

 

O xulgado contencioso administrativo nº 3 de Pontevedra ditaminou o pasado día 12 de marzo e vén agora de facer pública sentenza firme en contra da actuación da Consellaría de Educación por cesar a dirección do IES llla de Arousa en decembro de 2013. O ex-director do centro, Alfonso Malvido Piñeiro, solicitou mediante recurso a anulación da súa revogación no cargo por considerar que fora vulnerado o seu dereito de defensa, pois non lle fora permitido no seu momento aportar probas que puidesen contradicir a declaración do inspector do centro, Daniel R. Alleres, única proba preconstituída aceitada pola Consellaría.

 

 

 

A sentenza, que ten carácter firme e non admite recurso, acolle todas as argumentacións da parte demandante, considera probado que se produciu unha clara “vulneración del derecho de defensa (infracción del art. 24 CE) por denegación inmotivada de prueba” e anula a resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que Alfonso Malvido foi cesado e inhabilitado para postularse como director durante un período de tres anos. Ademais, condena á Consellaría a abonarlle ao demandante o importe de 8.644 euros e os intereses correspondentes, que é o que debería percibir polo seu cargo se puidese acabar o mandato o próximo 30 xuño de 2015. Como colofón, a sentenza condena tamén á Consellaría a pagar as costas procesais.

 

 

Desde o STEG non podemos menos que saudar con ledicia esta sentenza. Alegrámonos persoal e profesionalmente polo compañeiro Alfonso Malvido e parabenizamos tanto ao equipo xurídico como ao sindicato que o asesorou e defendeu. Parécenos esta sentenza un trunfo para toda a comunidade educativa do IES Illa de Arousa, en particular, e para toda a comunidade educativa galega, en xeral,

 

 

No STEG valoramos que esta sentenza é a proba definitiva de que a Consellaría actuou arbitraria, inxusta e antidemocraticamente neste asunto, como xa tivemos ocasión de denunciar no seu momento (ler aquí). Alfonso Malvido e o seu equipo directivo actuaron en defensa dos lexítimos intereses da súa comunidade educativa e contaron sempre co total apoio desta. Así o destaca a propia xuíza, recollendo na sentenza partes literais do informe emitido polo Consello Escolar do IES Illa de Arousa, contrario ao cese.

 

 

O STEG esixe da Consellería de Educación o acatamento e cumprimento inmediato da sentenza e a reposición de Alfonso Malvido como director do IES da Illa de Arousa.

 

 

A claridade e rotundidade da sentenza, que alude expresamente a que se produciu “una seria situación de indefensión” e a que “se vulneró, de plano, su derecho de defensa”, leva ao STEG a demandar publicamente a asumpción por parte da Consellería das conseguintes responsabilidades, que pasan necesariamente, ao noso entender, polo cese inmediato tanto do Xefe Territorial da provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, como do Inspector Xefe, Manuel Torres, entanto máximos responsábeis da instrución do expediente revocatorio que a xustiza acaba de ditaminar como non conforme a dereito.

 

 

Secretariado Nacional do STEG
25 de marzo de 2015

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza