O Consello Escolar do Estado entende contraditoria a
materia de relixión en centros públicos coa aconfesionalidade
do Estado que a Constitución recolle.
Baixo o valor que lle outorga ao Consello Escolar do Estado ser o organismo
onde ten voz e voto a totalidade da comunidade educativa: alumnado, profesorado,
familias, sindicatos, Ministerio, patronais, titulares de centros, persoal
de administración e servizos, universidades e personalidades de
recoñecido prestixio, decidiu por maioría o pasado mes de
xullo declarar os acordos sobre ensino relixioso en centros públicos
"claramente contraditorios" coa aconfesionalidade do Estado
recollida na Constitución.
É a primeira vez que o Consello se pronuncia a favor dunha medida
semellante. A proposición, que levou adiante a Confederación
de STEs-i, á que o STEG pertence, non negaba o mandato constitucional
de ofrecer educación relixiosa: iso, dicía, "pode e
debe cumprirse, pero fóra do horario escolar". Fíxose
tamén referencia a que a Administración educativa poida
emprestar os seus edificios públicos para que estas actividades
se impartan, "pola tarde, os fins de semana, cando sexa, pero liberando
o horario escolar deses programas, dado tamén que así se
contempla noutros países". O Consello Escolar do Estado considera
que "os poderes públicos poden garantir perfectamente o dereito
constitucional dos pais a que os seus fillos e fillas reciban a formación
relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias convicións,
mais sen que esta formación teña que estar incluída
entre as materias a impartir con carácter obrigatorio dentro do
horario escolar. Por iso se insta ao Goberno a que realice os cambios
lexislativos oportunos para que os ensinos relixiosos saian do currículo
escolar". Así se propuxo e así ficou aprobado.
|