PRE-ROGATIVAS ECLESIÁSTICAS

O MECD fai a relixión avaliable e impón unha materia alternativa, o feito relixioso, tamén avaliable. Un xeito de introducir a relixión católica pola porta de atrás. Por suposto que debemos estudar o papel que desempeñou a xerarquía eclesiástica na historia española, sempre a prol dos reximes máis autoritarios e dos sistemas económicos e sociais máis inclinados a soster e incrementar as desigualdades, pero isto hai que facelo dentro dun contexto e por iso debe ser nas materias de sociais, arte, historia, filosofía onde o estudemos. Do contrario, agora ocorrerá que convertiremos a materia de relixión nunha "maría", e posto que vai puntuar para a media do expediente, moitas e moitos estudantes optarán por esta materia para apañar algunha décima máis.

A igrexa católica é propietaria do 80% dos centros privados-concertados, do que tira enormes beneficios. Segundo se ten publicado na prensa, o Estado, a través das súas administracións central, autonómica e municipal, aporta cada ano arredor de 586.000 millóns de pesetas á igrexa católica nas súas diferentes e numerosísimas manifestacións; 21.750 millóns proceden directamente dos orzamentos xerais do Estado, dos que menos de 15.000 millóns corresponden á asignación tributaria que os fieis atribúen á súa relixión na declaración do IRPF. O resto sae das arcas de varios ministerios e das consellarías correspondentes dos gobernos autónomos.

Porén, os datos sobre o apoio á igrexa católica comezan a ser alarmantes para esta. O número de contribuíntes que anualmente, na declaración da renda, destinan a cota correspondente dos seus impostos á Igrexa desce cada ano; menos cidadáns cada vez citan a relixión como influínte nas súas decisións... Por iso a Igrexa pensa que precisa, antes que nada, manterse na súa posición preponderante na sociedade, na cultura (e nomeadamente na educación), e para este fin a súa xerarquía está disposta a todo e, desde logo, o PP está disposto a valerlles. Acaso non están concertando, isto é, dando cartos públicos, a institutos do Opus Dei onde se dan clases separadas por sexos? Daquela, por que non van dar máis facilidades con esta cuestión dentro do ensino público?.

Máis pasos desta institución no camiño de se afastar da maioría social e de reforzar políticas elitistas e inxustas de raíz, ou sexa (como ela mesma di) "estruturas de pecado"...

Fco. Legaspi.- Profesor de Filosofia

Volver a Relixión e Escola