Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

RETIRADA DOS SÍMBOLOS RELIXIOSOS DOS CENTROS EDUCATIVOS
O STEG esixe á Consellería de Educación e O.U. a retirada de oficio de toda a simboloxía relixiosa dos centros educativos

A recente sentenza dun tribunal de Valladolid, vén de darlle a razón ao STEG na nosa reivindicación de retirar os símbolos relixiosos dos centros educativos.


 O STEG esixe unha vez máis á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a retirada de oficio de toda a simboloxía relixiosa dos centros de ensino de Galiza. Esta solicitude está plenamente xustificada tanto pola LOE como pola propia Constitución, pois o contrario vulneraría os artigos 9, 10, 14, 16, 24 e 27 do texto constitucional.


Desde o STEG consideramos, en contra do que opina a Conselleira,  que esta non é unha decisión que deba recaer sobre os Consellos Escolares dos centros educativos. As funcións dos Consellos escolares non pertence a toma deste tipo decisións, polo que, trasladala a este órgano aludindo á autonomía dos centros é unha falacia e un intento de inhibirse das súas obrigas. Xa que logo, vemos necesaria por tanto unha actuación firme para o cumprimento da Constitución por parte da Consellería de Educación.

Conseguir o obxectivo dun ensino laico forma parte dos principios ideolóxicos do STEG desde a súa fundación e das súas actuacións nestes últimos anos: campañas en favor dunha escola laica, denuncia e recurso conta a Orde de Relixión, denuncia e recurso contra os Concertos educativos aos colexios do OPUS, propostas de resolución de retirada dos símbolos relixiosos nas Xuntas de Persoal, solicitude á Conselleira para que de oficio retire calquera tipo de simboloxía  relixiosa, participación activa na plataforma Galiza Laica...


Este é o  traballo presente do STEG e continuaremos ata a consecución dunha escola que reflicta as distintas sensibilidade sociais, obxectivo imprescindíbel nunha sociedade plenamente democrática. Só desde o laicismo podemos ter a seguranza de que ningunha crenza posúe un valor superior a outra e, só desde el, podemos achegarnos á realización do valor da igualdade.

O STEG rexeita as interpretacións subxectivas e interesadas dos responsábeis eclesiásticos por xerar polémica onde non existe e inventarse unha inexistente caza de bruxas á inversa. A realidade é, máis ben, a contraria: a igrexa católica continúa a ter un trato de favor por parte do Estado español inxustificábel nunha sociedade plural e democrática.


E esta inxustificábel posición de privilexio é preciso revisala, polo que será precisa unha segunda transición relixiosa, pero mentres non chega os poderes políticos teñen que acatar as sentenzas xudiciais que indican o correcto sentido do texto Constitucional.

O STEG, outra vez, reclama dos poderes políticos (Conselleira de Educación) a actuación de oficio nesta cuestión e a retirada inmediata destes símbolos. De non realizarse de oficio estudaremos a posibilidade de accións xudiciais.   

Queremos, desde o STEG  felicitar a labor e o traballo feito pola “Asociación Cultural Escuela Laica” por ter conseguido logo de varios anos de esforzo este fito histórico. Felicitación extensíbel a todas as organizacións que, como o STEG, traballaron, están a traballar e seguirán loitando pola consecución dun Estado verdadeiramente laico.

 


Secretariado Nacional do STEG
novembro 2008