Art. 14º-
Décimo cuarto.- Permisos para o cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e mais de asistencia a consultas e revisións médicas
a) Comparecencia obrigatoria por citacións instadas por órganos xudiciais, comisarías ou calquera outro organismo oficial.
b) Cumprimento de deberes cidadáns derivados dun proceso electoral.
c) Asistencia a reunións dos órganos de goberno e comisións dependentes destes cando deriven estritamente do cargo electivo de concelleira ou concelleiro, así como de deputada ou deputado, ou senadora ou senador.
d) Asistencia como membro ás sesións dun tribunal de selección ou provisión, con nomeamento da autoridade competente.
e) A realización de visitas dentro dos programas europeos.
f) A asistencia ás reunións das comisións das probas de acceso á universidade ou análogas.
g) Obrigas cuxo incumprimento xere á persoa interesada unha responsabilidade de orde civil, penal ou administrativa.
h) O emprego do tempo necesario para facer unha doazón de sangue, médula ou plaquetas, de acordo co disposto no Real decreto 1088/2005, do 16 de setembro.
i) Asistencia dos deportistas de alto nivel ás competicións de carácter internacional, así como as concentracións preparatorias delas de acordo co disposto no Real decreto 971/2007, do 13 de xullo.
j) A asistencia a reunións cando sexa convocado ou convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou polas súas xefaturas territoriais.
a) O acompañamento ás revisións ou consultas médicas, aos tratamentos de quimioterapia e radioterapia, así como ás intervencións médicas invasivas (biopsias, colonoscopias, gastroscopias e outras de características similares), das fillas e fillos discapacitados, das fillas e dos fillos menores de idade e das persoas maiores ao seu cargo, polo tempo necesario, con aviso previo e presentación da solicitude de permiso, en que se sinalará a hora prevista da consulta.
No caso de solicitar este permiso para acompañar as fillas e fillos maiores de idade, o cónxuxe ou a parella de feito, deberase acreditar que necesitan acompañamento.
Así mesmo, para estes efectos considéranse persoas maiores a cargo do persoal funcionario os familiares de primeiro grao que, pola súa idade ou estado de saúde, non se poidan valer por si mesmos para acudir á consulta. Tamén terán esta consideración os familiares de segundo grao con enfermidades moi graves que necesitan seguimento médico estrito e que non se poden valer por si mesmos para ir á consulta, no caso de que estean ao coidado directo da persoa funcionaria ou a seu cargo e sempre que neste último caso non teña familiares de primeiro grao ou que estes sexan maiores e non poidan atendelos.
Cando, con carácter excepcional, este permiso se vaia gozar cunha certa periodicidade, o persoal funcionario docente presentará unha única solicitude con todos os días que previsiblemente vai necesitar, xunto cos documentos xustificativos pertinentes. Os centros educativos, coa finalidade de evitar a colisión de dereitos do profesorado cos do alumnado á educación, adoptarán as medidas oportunas para a adecuada atención do alumnado que, en casos excepcionais, poderá implicar, logo de informe da inspección educativa, o nomeamento de persoal docente substituto.
b) A asistencia do pai, nai, titor ou titora ás titorías do centro escolar a que asisten os seus fillos/as ou menores ao seu cargo.
c) A asistencia do pai, nai, titor ou titora con fillas ou fillos con discapacidade a reunións de coordinación do seu centro de educación especial.
DOCUMENTACIÓN ESIXIDA:
a) Deberes inescusables de carácter público ou persoal:
Consonte coa causa que xere o dereito ao permiso, deberase presentar un dos seguintes documentos:
– Orixinal ou copia cotexada da citación ou convocatoria do órgano xudicial, administrativo, de goberno ou calquera outro órgano oficial de que se trate ou das comisións dependentes deles.
– Documento acreditativo de ter a condición de elixible no proceso electoral ou de formar parte dunha mesa electoral.
– Orixinal ou copia cotexada da convocatoria ou/e asistencia á reunión das comisións das probas de acceso á universidade, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou das súas xefaturas territoriais ou do órgano de selección ou provisión, con nomeamento da autoridade competente.
– Orixinal ou copia cotexada da realización de visitas dentro dos programas europeos.
– Documento que acredite a responsabilidade civil, penal, social ou administrativa da persoa interesada e que supoña o cumprimento dunha obriga.
– Documento que acredite a doazón de sangue, medula ou plaquetas de acordo co disposto no Real decreto 1088/2005, do 16 de setembro.
– Documento que acredite a asistencia dos deportistas de alto nivel ás competicións de carácter internacional, así como as concentracións preparatorias delas de acordo co disposto no Real decreto 971/2007, do 13 de xullo.
b) Revisións médicas, deberes relacionados coa conciliación da vida persoal e familiar:
– Documento xustificativo da necesidade de realización das revisións médicas dentro da xornada laboral ou, cando sexa o caso, documento xustificativo da enfermidade ou accidente que dá lugar á ausencia do posto de traballo sen que proceda a incapacidade temporal.
– No caso de que o dereito non o xere o persoal funcionario docente, ademais do documento anterior, deberase presentar fotocopia cotexada do libro de familia, da inscrición nun rexistro oficial de parellas de feito ou certificado de convivencia expedido polo concello.
– Documento acreditativo das limitacións que lles impiden asistir sós cando se solicite o permiso para acompañar as fillas e fillos maiores de idade ou o cónxuxe ou parella de feito.
– Documento acreditativo de que non se podan valer por si mesmos para acudir á consulta cando se solicite o permiso para o acompañamento de persoas maiores ao seu cargo que sexan familiares de primeiro grao.
– Documento acreditativo de que non existen familiares de primeiro grao ou de que estes son maiores e non poden atendelos cando se trate dunha persoa maior ao seu cargo que sexa familiar en segundo grao. Así mesmo, deberá xustificarse que o acompañamento é por causa de enfermidade moi grave que necesita seguimento médico estrito e que o familiar de segundo grao non se pode valer por si mesmo para acudir á consulta.
– Documento acreditativo da presenza do persoal funcionario docente no centro escolar ao cal asisten os seus fillos/as ou menores ao seu cargo dentro da xornada de traballo con motivo das titorías do centro escolar ou das reunións de coordinación do centro de educación especial.