STEG ó día · Mobilizacións · 1º de Maio

Loitar para avanzar e conquistar os nosos dereitos.

Loitar para avanzar e conquistar os nosos dereitos.

1º de maio 2024

O primeiro de maio, o Día internacional das traballadoras e os traballadores, celébrase dende hai máis de 130 anos en todo o mundo, non soamente como recordo de loitas pasadas se non como forma de conquistar novos dereitos.

A clase traballadora galega e os sectores populares seguen a sufrir as consecuencias dunha crise que, como de costume, quere cargarse sobre as nosas costas, mentras a riqueza segue a concentrarse en cada vez menos mans.

O informe do "Estado da pobreza en Galicia 2023" da EAPN Galicia e a Enquisa de Condicións de Vida de 2023 do Instituto Nacional de Estadística confirman esta afirmación e sitúan o risco de pobreza e exclusión social en Galiza entre o 23,6% e o 25'5%. É dicir, máis de 650.000 galegos e galegas atópanse nesta situación. Destas cifras, preto de 170.000 persoas están nunha situación de privación material e social severa.

Esta desigualdade en Galiza non é casual. É o resultado dunhas políticas públicas que, lonxe de garantir un reparto xusto da riqueza baseado na xustiza social, están a manter un sistema inxusto de relacións que garante a impunidade e impulsa a lóxica empresarial por riba do ben común. A desigualdade no noso país é a consecuencia directa do empobrecemento gradual da clase traballadora galega, cuns salarios que crecen dende hai tempo por debaixo do que o fai a inflación, o contínuo aumento do prezo dos produtos básicos como a alimentación, a vivenda ou a enerxía, as privatizacións de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación, a auga, a luz ou o transporte, ou do contínuo aumento da precariedade nos centros de traballo con condicións que en moitas ocasións chegan a poñer en risco a nosa saúde e a nosa vida.

O STEG, como sindicato de clase que traballa no eido educativo, afronta este 1º de maio logo das mobilizacións do corpo docente galego sen precedentes na última década, que saiu ás rúas a reclamar a recuperación dos seus dereitos laboirais.

Hoxe, 1º de Maio, o STEG segue demandando como elementos básicos a recuperación das 21 e 18 horas en primaria e secundaria respectivamente; a redución das ratios en todas as ensinanzas; a racionalización da burocratización do ensino e a recupeción da capacidade adquisitiva das e dos docentes.

O STEG denuncia que o funcionariado interino continúa ser recibir o soldo de xullo e agosto que legalmente lle correspondería. Reclamamos do mesmo xeito un proceso de estabilización real que se enmarque dentro da doble vía de acceso.

En pleno 2024 o STEG vese na obriga de seguir loitando baixo o lema MESMO TRABALLO MESMO SALARIO, e polo tanto reclamamos que o profesorado dos corpos A2 se integren no corpo A1.

Seguimos exisindo a derogación do Decreto de Bilingüismo imposto pola Consellería que trata de impedir o uso do galego no ensino público. Non podemos esquecer que, o galego posúe un claro carácter internacional, pola súa vinculación coa lusofonía que abre as portas a máis de 260.000.000 de habitantes do mundo. Impedir este proceso é parte da precarización das clases populares galegas.

Neste contexto, a clase traballadora galega non pode resignarse. Non podemos claudicar nin permanecer apáticas diante dos ataques que sufrimos. A primeira gran derrota será aquela que demos por perdida. Pola contra, no STEG temos o firme convencemento de que a nosa forza radica na capacidade que temos para unirnos en prol duns obxectivos comúns e na nosa capacidade para seguir mobilizándonos e saír ás rúas para reclamar a necesidade dun cambio de rumbo no noso país en favor da clase traballadora que garanta:

  • o emprego estable e de calidade; igualitario, sen fendas de xénero nin teitos de cristal;
  • a redución da xornada laboral sen perda salarial, como medida de reparto do traballo;
  • a intensificación dos controis da Inspección de Traballo para acabar coa impunidade empresarial e a creación de emprego estábel e con dereitos;
  • un cambio no modelo produtivo que permita recuperar a soberanía dende a intervención pública e limiten os intereses externos que prexudican o progreso do noso país;
  • unha sanidade pública e de calidade na que se reduzan as listas de espera, se garantan os recursos humanos en todos os centros de saúde e se reintegre o servizo de ambulancias ao sistema público, entre outras medidas;
  • a ampliación e consolidación dos Servizos Sociais en todo o país asegurando que este sexa un dereito accesible para quen o precise;
  • un plan para o acceso a unha vivenda en condicións dignas capaz de poñer freo á especulación e ao aumento das subas do aluguer;
  • a defensa e protección do medio rural e da natureza poñendo freo a proxectos nocivos para o noso país como o de ALTRI ou a construción de macro parques eólicos;
  • a recuperación dos dereitos sindicais para defender os dereitos laborais de todas as traballadoras e traballadores ante os ataques da patronal e as administracións.

Este 1º de maio, o STEG non pode deixar de reclamar ao goberno español o boicote activo ao comercio co estado sionista de Israel, especialmente no campo militar e armamentístico, e o recoñecemento do Estado de Palestina.

Tamén queremos lembrar a loita dos pobos saharauis e kurdo pola súa autodeterminación, a defensa da soberanía cubana fronte ao bloqueo e a inxerencia estadounidense e a resistencia da clase traballadora arxentina contra as políticas neoliberais de Milei.

 

 

Contra a guerra e o militarismo!

Viva o 1º de maio!
Viva a loita da clase traballadora!
Viva a solidariedade internacional!

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza