1. Nos casos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de dezaoito semanas ininterrompidas, do cal se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción ou á efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso.
Lei 9/2017 Art. 5 Catro
Catro. Modifícase o número 1 do artigo 122, que queda coa seguinte redacción:
1. «1. Nos casos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de vinte semanas ininterrompidas, do cal se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso».
Lei 3/2018 Art. 6 Dez
Dez. Modifícase o número 1 do artigo 122, que queda coa seguinte redacción:
1. «1. Nos casos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de
vinte e dúas semanas ininterrompidas, do cal se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso».
2. A duración do permiso previsto neste artigo ampliarase nos casos e polos períodos que a seguir se determinan:
a) Discapacidade do menor adoptado ou acollido: dúas semanas máis.
b) Adopción ou acollemento múltiple: dúas semanas máis por cada menor adoptado ou acollido a partir do segundo.
3. Cando os dous proxenitores traballen, o período de duración do permiso distribuirase á elección deles, que poderán facer uso do permiso de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos e sen que nos casos de aproveitamento simultáneo a suma dos períodos de duración do permiso poida exceder os límites establecidos neste artigo.
4. Este permiso poderase gozar a tempo completo ou a tempo parcial, en réxime de media ou un terzo da xornada.
Cando o permiso se goce a tempo parcial, a súa duración ampliarase proporcionalmente en función da xornada de traballo que se realice.
O gozo do permiso a tempo parcial poderase solicitar tanto ao inicio deste como nun momento posterior e poderase estender a todo o período da súa duración ou a unha parte.
Cando gocen do permiso os dous cónxuxes, poderán facelo ambos os dous ou un só deles a tempo parcial, con independencia de que o gozo sexa en aproveitamento simultáneo ou sucesivo.
Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
5. Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano. Para estes únicos efectos considérase un ano a duración dun curso académico.
6. Nos casos de adopción ou acollemento internacionais, o persoal funcionario ten dereito, se for necesario o desprazamento previo ao país de orixe do menor, a un permiso de tres meses de duración, fraccionables á elección da persoa titular do dereito, e durante os cales se percibirán exclusivamente as retribucións básicas.
7. Con independencia do previsto na alínea anterior, nos casos recollidos neste artigo o permiso por adopción ou acollemento pode iniciarse ata catro semanas antes da efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou da efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento.
A duración dos permisos por parto e por adopción ou acollemento previstos na presente orde acadarase progresivamente consonte o seguinte calendario:
a) Dezasete semanas no caso de nacementos, adopcións ou acollementos que se produzan durante o ano 2016.
b) Dezaoito semanas no caso de nacementos, adopcións ou acollementos que se produzan durante o ano 2017 e sucesivos.
CONCÉDEO : titular da xefatura territorial
DOCUMENTACIÓN ESIXIDA:
– Resolución administrativa/xudicial de adopción ou acollemento, no cal figure, de ser o caso, o carácter internacional da adopción ou acollemento.
– No caso de que o permiso se amplíe por discapacidade do/a neno/a adoptado/a ou acollido/a: documento acreditativo da dita discapacidade.
– Se a adopción é internacional, presentarase documentación oficial acreditativa da tramitación da dita adopción, co obxecto de autorizar o inicio do permiso con anterioridade á data en que esta se produza. Posteriormente, deberá presentarse a correspondente resolución xudicial de adopción.