Art. 7º-
Sétimo.- Permiso por lactación.
O Real Decreto Lei 6/2019 modifica este permiso. A modificación máis importante é que os dous cónxuxes teñen dereito ao permiso por lactación (como se recolle nas instrucións ditadas ao abeiro deste Real Decreto).
1. Por lactación dun fillo menor de doce meses, o persoal funcionario, con independencia da situación laboral do seu cónxuxe, ten dereito a ausentarse do posto de traballo durante unha hora diaria, a cal pode dividir en dúas fraccións de media hora ao inicio e ao final da xornada, ou ben a unha redución da xornada de traballo diaria nunha hora que, á elección da persoa titular do dereito, cando poida preverse no momento da elección de horarios, pode aplicarse ao inicio ou ao final da xornada de traballo.
2. Cando os dous proxenitores traballen, o dereito ao permiso por lactación pode ser exercido indistintamente por calquera deles ou ratearse a súa duración.
3. O tempo correspondente a este permiso pode acumularse total ou parcialmente en xornadas completas, ata un máximo de catro semanas, que se gozarán despois de rematar o permiso por parto, adopción ou acollemento ou nun momento posterior e sempre con anterioridade a que o menor cumpra os doce meses.
4. No caso de gozar deste permiso por xornadas completas, tenderase a que estas sexan, como mínimo, de dúas semanas continuadas.
5. Nos supostos de adopción ou acollemento, o dereito ao permiso por lactación pode exercerse durante o ano seguinte á efectividade da resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento, sempre que no momento desa efectividade o menor non teña feitos os doce meses.
6. Nos supostos de parto, adopción ou acollemento múltiple, a duración do permiso por lactación incrementarase en proporción ao número de fillos.
7. Cando non se produza a acumulación en xornadas completas, no caso de conflito entre
os dereitos do alumnado e do profesorado, a hora diaria de ausencia ao traballo terase que gozar no horario complementario fixo ou de obrigada permanencia no centro.
8. O persoal substituto terá dereito a acumular a hora de lactación e a gozar os días, en proporción aos servizos prestados, desde que remate o permiso por parto ou adopción ou acollemento ata que finalice o curso escolar ou o fillo ou filla faga os doce meses.
CONCÉDEO : o titular da Delegación provincial.
DOCUMENTACIÓN ESIXIDA:
– Fotocopia cotexada do libro de familia ou inscrición de nacemento no rexistro Civil da filla ou fillo menor que xera o dereito ao permiso.– Xustificación documental de que o outro proxenitor non goza, pola súa vez, deste permiso.