1. Nos casos de parto a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de dezaoito semanas ininterrompidas*, que se distribuirán á elección da persoa titular do dereito, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.
Lei 9/2015 Artigo 5. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Tres. O número 1 do artigo 121 queda modificado como segue:
«1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de vinte semanas ininterrompidas, que se distribuirán á elección da persoa titular do dereito, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto».
Lei 3/2018 Artigo 6.
Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Nove. Modifícase o número 1 do artigo 121, que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de
vinte e dúas semanas ininterrompidas,
que se distribuirán á elección da persoa titular do dereito, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto».
Se ambos proxenitores traballan, as semanas do permiso posteriores ás 6 semanas obrigatorias
poderán gozarse de maneira interrompida até que o fillo ou filla cumpra 12 meses. Neste caso será
por semanas completas e preavisando con 15 días de antelación.
Pode gozarse a tempo total ou parcial (1/3 ou 1/2 da xornada) (RD-L 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación).
2. A duración do permiso previsto neste artigo ampliarase nos casos e polos períodos que a seguir se determinan:
a) Discapacidade do fillo: dúas semanas máis.
b) Partos múltiples: dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo.
c) Partos prematuros e aqueles nos cales, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto: tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, ata un máximo de trece semanas adicionais.
Para estes efectos e no previsto no artigo 8 desta orde, serán tidos en conta os internamentos hospitalarios iniciados durante os trinta días naturais seguintes ao do parto.
3. Cando os dous proxenitores traballen, a nai poderá optar por que o outro proxenitor faga uso dunha parte determinada e ininterrompida do período do permiso posterior ao parto, de forma simultánea ou sucesiva ao da nai, sen que nos casos de aproveitamento simultáneo a suma dos períodos de duración do permiso poida exceder os límites establecidos neste artigo. O outro proxenitor poderá seguir facendo uso do permiso por parto aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo este se encontre en situación de incapacidade temporal.
A opción exercida pola nai poderá ser revogada por ela mesma se sobreviñesen feitos que fagan inviable a súa aplicación, tales como ausencia, enfermidade ou accidente do pai, abandono de familia, separación ou outras análogas.
4. Nos casos de falecemento da nai, o exercicio do dereito ao permiso previsto neste artigo corresponderá ao outro proxenitor e, de ser o caso, descontarase o período de duración do permiso consumido pola nai falecida.
5. Este permiso poderase gozar a tempo completo ou a tempo parcial, en réxime de media ou un terzo da xornada.
Cando o permiso se goza a tempo parcial, a súa duración ampliarase proporcionalmente en función da xornada de traballo que se realice.
O gozo do permiso a tempo parcial poderase solicitar tanto ao inicio deste como nun momento posterior e poderase estender a todo o período da súa duración ou a unha parte.
Cando gocen do permiso o pai e a nai, poderán facelo ambos os dous ou un só deles a tempo parcial, con independencia de que o gozo sexa en aproveitamento simultáneo ou sucesivo.
6. Durante o gozo deste permiso poderá participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
* A duración dos permisos por parto e por adopción ou acollemento previstos na presente orde acadarase progresivamente consonte o seguinte calendario:
a) Dezasete semanas no caso de nacementos, adopcións ou acollementos que se produzan durante o ano 2016.
b) Dezaoito semanas no caso de nacementos, adopcións ou acollementos que se produzan durante o ano 2017 e sucesivos.
CONCÉDEO : titular da xefatura territorial
DOCUMENTACIÓN ESIXIDA:
– Certificado médico oficial, certificado de nacemento do Rexistro Civil ou presentación do libro de familia que acredite a data en que se produciu o nacemento.
– Se o inicio do permiso se produce antes do parto, presentarase o documento xustificativo de estar no período de dez semanas anteriores ao parto.
– No caso de que o permiso se amplíe por discapacidade da filla ou fillo: documento acreditativo da dita discapacidade.
– No caso de que o permiso se amplíe por parto prematuro ou pola hospitalización do neonato: documento acreditativo da condición de prematuro ou da hospitalización.