Por razóns de garda legal, cando o persoal funcionario docente se encargue do coidado directo dalgún menor de doce anos, de persoa maior que requira especial dedicación ou dunha persoa con discapacidade que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha redución dun terzo ou dun medio da xornada de traballo, coa diminución proporcional das súas retribucións.
Terá o mesmo dereito o persoal funcionario que precise encargarse do coidado directo do cónxuxe ou parella de feito ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.
A concesión da redución de xornada por razón de garda legal será incompatible coa realización de calquera outra actividade, sexa ou non remunerada, durante o horario que foi obxecto da redución.
A percepción dunha pensión por un diminuído físico ou psíquico non é equiparable ao desempeño de actividade retribuída.
Esta redución de xornada poderase acumular co permiso por lactación dun fillo menor de doce meses.
A redución de xornada abranguerá, na proporción que se conceda, o horario lectivo, horario complementario fixo e horario semanal de permanencia no centro.
A concesión da redución de xornada, en función da organización do centro, poderá eximir da obrigatoriedade de impartir docencia durante todos os días da semana.
DOCUMENTACIÓN ESIXIDA:
- Copia cotexada da resolución administrativa ou xudicial pola que se lle outorga a garda legal á persoa que solicita a redución así como, se é o caso, da idade, da discapacidade ou especial dedicación que requira a persoa que xera o dereito a solicitar a redución de xornada.
- Fotocopia cotexada do libro de familia.
- Certificado da Administración tributaria ou copia da última declaración da renda conforme a persoa que xera o dereito á redución non desempeña actividade retribuída.
- Promesa ou declaración xurada da persoa que fai uso da redución conforme non realizará ningún tipo de actividade, remunerada ou non, durante o horario que foi obxecto da redución.
2. Redución de xornada por interese particular.
O persoal funcionario docente terá dereito a unha redución de media xornada de traballo por interese particular coa diminución proporcional das súas retribucións.
A redución de xornada abranguerá, na proporción que se conceda, o horario lectivo, horario complementario fixo e horario semanal de permanencia no centro.
A concesión da redución de xornada, en función da organización do centro, poderá eximir da obrigatoriedade de impartir docencia durante todos os días da semana.
3. Para facer efectivo o dereito á protección e a asistencia social integral, o persoal funcionario que teña sufrido danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou parella de feito e as fillas e fillos dos feridos e falecidos, sempre que teñan a condición de persoal funcionario e de vítimas do terrorismo de acordo coa lexislación vixente, así como o persoal funcionario ameazado nos termos do artigo 5 da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de recoñecemento e protección integral ás vítimas de terrorismo, logo de recoñecemento do Ministerio de Interior, ou de sentenza xudicial firme, terán dereito á redución da xornada con diminución proporcional da retribución, ou a reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que sexan aplicables, nos termos que regulamentariamente se determinen.
As ditas medidas serán adoptadas e mantidas no tempo en canto resulten necesarias para a protección e asistencia social integral da persoa a quen se lle concede, xa sexa por razón das secuelas provocadas pola acción terrorista, xa sexa pola ameaza a que estea sometida, nos termos previstos regulamentariamente.
CONCEDE: Xefatura territorial