11 de febreiro – Día Internacional da muller e a nena na ciencia
Cada 11 de febreiro, a comunidade internacional conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, proclamado polas Nacións Unidas, co obxectivo de recoñecer o papel fundamental das mulleres na investigación científica e de visibilizar as desigualdades que aínda persisten no acceso, na participación e no liderado neste ámbito.
Desde a Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mujeres da Confederación Intersindical consideramos que é o momento oportuno para facer balance e reflexionar sobre os avances acadados e os desafíos que aínda continúan en materia de xénero neste eido, así como para celebrar o legado das mulleres que, desde o pasado até hoxe, desafiaron as expectativas para transformar o mundo coa súa mente curiosa e a súa valentía.
Unha realidade que aínda esixe cambios
Segundo datos da UNESCO, as mulleres representan menos do 30 % do persoal investigador a nivel mundial e constitúen arredor do 35 % das persoas graduadas en disciplinas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM), unha cifra que permaneceu practicamente sen cambios na última década. En sectores emerxentes como a intelixencia artificial e a ciencia de datos, a presenza feminina é aínda menor —por exemplo, só preto do 26 % da forza laboral en IA e datos son mulleres.
Na Unión Europea hai máis de 7,7 millóns de mulleres traballando como científicas e enxeñeiras, representando aproximadamente o 41 % do total nestas profesións. Entre os países da UE, España destaca cun 50 % de mulleres científicas e enxeñeiras, unha mostra positiva de avances en igualdade de xénero. Porén, esta presenza diminúe nos postos de maior responsabilidade e liderado científico.
En España, aínda que as mulleres acadan cifras próximas á paridade na formación universitaria e na investigación pública, continúan infrarrepresentadas nos postos de maior responsabilidade, na dirección de proxectos, na transferencia de coñecemento e no sector privado. No noso país, o informe “Científicas en Cifras 2025” do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades amosa que as mulleres superan o 50 % do persoal investigador na administración pública, aínda que a súa presenza no sector privado segue a ser menor.
Desde idades temperás, moitas nenas enfróntanse a estereotipos que condicionan as súas aspiracións académicas e profesionais. A falta de referentes, a segregación por disciplinas, a fenda de xénero no recoñecemento… continúan limitando o desenvolvemento pleno do seu talento. Esta situación non responde a unha falta de capacidade ou vocación, senón a barreiras estruturais que comezan na infancia e se manteñen ao longo da traxectoria académica e profesional.
Como afirmou a bioquímica e científica española Margarita Salas:
«O talento non ten xénero; as oportunidades, moitas veces si».
Ciencia con nenas e mulleres: unha cuestión de futuro
As mulleres foron e son protagonistas de avances decisivos en todos os campos do coñecemento: medicina, bioloxía, matemáticas, física, enxeñaría, ciencias sociais e tecnoloxía; porén, os seus logros foron historicamente silenciados.
As mulleres non só contribuíron e contribúen co seu talento científico, senón que as súas perspectivas e enfoques enriquecen o proceso de xeración de coñecemento. Numerosos estudos demostran que os equipos diversos tenden a producir investigación máis innovadora e de maior impacto, impulsando solucións máis completas aos retos globais.
Un compromiso necesario
Investir nas nenas e nas mulleres na ciencia é investir nun futuro máis xusto, innovador e sustentábel para toda a sociedade. Por iso, neste 11 de febreiro, reafirmamos o noso compromiso cunha ciencia baseada na igualdade de oportunidades, na equidade e no recoñecemento do talento feminino, reivindicando a necesidade de:
Fomentar o interese das nenas pola ciencia desde idades temperás, promovendo e impulsando vocacións.
Promover contornas con igualdade de oportunidades, garantindo condicións xustas de acceso, permanencia e liderado para as mulleres na ciencia.
Eliminar estereotipos e barreiras de xénero na educación, na investigación e no emprego científico.
Visibilizar os logros das mulleres científicas e recoñecer o seu labor neste eido, para que poidan servir de referente ás novas xeracións.
Apostamos por cada nena que decide investigar, experimentar e descubrir, pois iso implica estar un paso máis preto dun futuro equitativo na ciencia, no que as mulleres poidan achegar ao mesmo nivel ca os homes, enriquecendo o proceso de xeración do coñecemento sen discriminacións nin prexuízos.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps