Secretaría da Muller · Comunicados

24 de maio Día internacional das mulleres pola paz e o desarme

24 de maio Día internacional das mulleres pola paz e o desarme

24 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ E O DESARME

“Non abonda con falar de paz. Hai que crer nela e traballar para acadala”
(Eleanor Roosevelt).
…e niso estamos milleiros de mulleres en todo o mundo.

Este día internacional ten a súa orixe na década dos 80, grazas á conformación dun grupo de mulleres pacifistas de Europa e dos Estados Unidos cuxo obxectivo era a loita contra a carreira armamentística e o uso de armas nucleares.

Anteriormente, no ano 1915, organizouse o I Congreso Mundial da Haia, onde se lle deu ás mulleres a oportunidade de participar activamente para acadar importantes avances en todo o relacionado coa paz e con moitos outros aspectos, en prol dunha sociedade máis xusta, digna e libre de enfrontamentos bélicos e guerras inxustas.

E foi no ano 1982, no Campamento pacifista de mulleres en Greenham Common, xunto con outros grupos de mulleres pacifistas de Europa, onde se establece o 24 de maio como o Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, a fin de conmemorar as loitas que moitas xa iniciaran desde a Primeira Guerra Mundial e así traballar a prol dunha Cultura de Paz. Este campamento, situado xunto á base militar americana RAF en Greenham Common (Inglaterra), permaneceu activo até o ano 2000 malia a intemperie e ás agresións policiais.

O movemento das mulleres contra a guerra e a favor da paz xorde estreitamente vencellado á defensa doutros dereitos como o sufraxio e evolucionou ao mesmo ritmo que as loitas feministas desde finais do século XIX até a actualidade. As organizacións de mulleres que traballan pola paz abrazaron múltiples causas: o fin dos conflitos armados e a procura de saídas negociadas á violencia, o antimilitarismo, a abolición das armas nucleares, a defensa do medio ambiente, a denuncia da violencia sexual como arma de guerra, a denuncia das desigualdades económicas, da discriminación e das inxustizas sociais, entre outras moitas. A paz positiva, a paz cargada de múltiples significados e non a mera ausencia de violencia directa, unida a un cuestionamento do patriarcado que a lexitima, é o horizonte polo que traballan.

No momento en que se fala de conflitos armados, vemos como mulleres de todo o mundo lideran movementos pola paz que están a transformar, de diferentes xeitos, as súas sociedades. Desafortunadamente, atopamos milleiros de mulleres invisibilizadas que teñen loitado e traballado incansablemente; por exemplo, é importante lembrar nomes como Rigoberta Menchú, Rosa Parks, Wangari Maathai, Berta Cáceres ou Malala Yousafzai. Son algúnhas dunha longa lista de mulleres e colectivos que, ao longo da historia, combateron por unha sociedade máis xusta e pacífica para todas e todos.

O obxectivo de sinalar este día no calendario non é só celebrar o liderado e a participación das mulleres nos procesos de paz e na erradicación da violencia, senón tamén lembrar ao mundo a violencia que sofren estas nos conflitos e posconflitos armados. A presenza das mulleres nos exércitos é moi minoritaria e, porén, tal como recolle a Resolución 1325 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o 90% das vítimas das guerras son civís, maioritariamente mulleres, nenas e nenos que, a miúdo, pasan a ser vítimas de abusos vinculados á explotación sexual. Ao longo da historia, até os nosos días, o corpo das mulleres foi empregado como arma de guerra para humillar ao adversario, violándoas, mutilándoas e permitindo aos soldados que as utilicen como escravas sexuais.

A día de hoxe, malia a insistencia de moitos grupos de mulleres antimilitaristas en deixar de afrontar os conflitos con violencia, invasión, autoridade, exclusión ou eliminación —tanto na casa como na política ou na economía—, seguimos vendo un mundo que continúa a se armar e a incrementar os gastos militares a escala mundial.

Un exemplo claro témolo nos enfrontamentos bélicos actuais, que semellan non ter fin. Nestes momentos existen 56 conflitos activos no mundo, a maior cifra desde a II Guerra Mundial, e cada vez teñen un compoñente internacional maior, con 92 países involucrados en guerras fóra das súas fronteiras. En todos eles podemos comprobar como as mulleres non só perden ás súas familias, senón que están expostas a moitos máis perigos tanto nos lugares en conflito como nos países onde procuran refuxio e, aínda así, están dispostas a loitar e intervir para e pola defensa da paz que nunca chega.

O rol das mulleres ao longo da historia foi de grande importancia para acadar cambios e progresos relevantes na sociedade. Grazas á súa contribución nos distintos eidos da vida, puidéronse acadar grandes avances non só no eido tecnolóxico e científico, senón en moitas áreas da vida cotiá.

As mulleres, que somos transmisoras de vida, nunca permanecemos impasibles ante a barbarie da guerra que só causa abuso, destrución, sufrimento e morte. Seguiremos empuñando as armas do diálogo, da esperanza, da comprensión e do amor a favor do desarme e da paz. Oxalá consigamos entre todas e todos que esta efeméride se lembre como un logro, que se visibilice e se lle dea a importancia que merece a todas aquelas mulleres que loitaron pacificamente, en moitos casos perdendo a vida, por acadar A PAZ.

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza