Secretaría da Muller · 25 N

25 novembro 2025 - Manifesto 25N e Propostas Didácticas

25 novembro 2025 - Manifesto 25N e Propostas Didácticas

É XENOCIDIO. SER MULLER DOBRE TORTURA

 

“As mulleres en Gaza están a perder a vida, están enfermas, famentas, esgotadas, mantendo unidas as súas familias malia ao medo e as perdas constantes”, sinala a representante da axencia de igualdade de xénero da ONU nos Territorios Palestinos Ocupados tras unha misión dunha semana na Franxa, o 18 de xullo de 2024

A violencia machista exércese de diversas formas e a guerra de calquera lugar do mundo é unha arma letal contra as mulleres. As mulleres son as que se encargan do coidado da súa fillas e fillos e das persoas maiores no medio da indixencia, o medo, a fame negra e coa esperanza dun futuro en paz que non chega. As súas parellas están mortas ou desaparecidas.

As mortes de mulleres por asasinatos machistas non deixan de ser un campo de batalla en países onde non existe conflito bélico. No Estado español, Martha, de 21 anos, é a vítima 32 en 2025 a 24 de outubro.

Un asunto é claro e de urxencia: as medidas contra a violencia machista non son abondo. O avance das leis, a educación en igualdade de xénero e a atención ás vítimas non alcanzan os seus fins principalmente por falta de investimento económico e persoal. O goberno e as administracións territoriais pertinentes promulgan leis baleiras dun orzamento económico suficiente para executalas.

A educación en igualdade desde idades temperás e a transformación social fóra de ideoloxías machistas son a clave para a erradicación desta lacra. Estas medidas, aínda que indispensábeis, non están a cambiar de xeito efectivo a sociedade nin o seu comportamento cara ás mulleres. No segundo trimestre do 2025 , 127 mozos menores de idade foron axuizados no Estado español por agredir as súas parellas ou exparellas, un 34% máis que hai un ano.

 Podemos facer referencia aos últimos problemas ocorridos cos fallos das pulseiras dos maltratadores e as súas vítimas, non recentemente ocorridos, recentemente comunicados ao resto da poboación. Cando as axudas fallan, fallan para todas esas mulleres que mortas de medo no seu día a día xa non teñen confianza na xustiza nin nos medios que utilizan para a súa protección.

Os xuízos alónganse no tempo, poden pasar ata anos, nos que a vítima vendo con perspectiva temporal o ocorrido, abandona e retira a súa denuncia ou se nega a declarar. A esta situación sumámoslle que a partir do 3 de outubro de 2025 os Xulgados de Violencia sobre a Muller tamén están a asumir os casos de violencia sexual. O goberno prometeu un incremento dun 50% de prazas neses xulgados, que os xuíces din non estar a vivir como unha realidade, avisan das “nefastas consecuencias” que se van derivar da acumulación inasumíbel de demandas nestes xulgados.

Existen partidos como VOX que negan a violencia machista e publican nos seus “falsos discursos” que a maioría destas denuncias son falsas cando só un 0,0082 % entre 2009 e 2024 confirmáronse así. Hai que denunciar esta desinformación con todas as ferramentas a noso alcance

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical non esquecemos as diferentes casuísticas de violencia machista:

-A Violencia Vicaria arrastra vidas de nenas e nenos no medio da ira e o odio, 65 vítimas era o número contabilizado desde o 2013 ata abril do 2025.

-As mulleres con diversidade funcional son as que sofren maior violencia machista en forma de violencia sexual en moitas ocasións. Hai que facer campañas de sensibilización e denuncia diante de calquera sospeita de violencia machista cara a estas mulleres vulnerábeis que manteñen o silencio diante dos seus agresores.

-As mulleres migrantes e racializadas son outro foco de violencias machistas, a vulnerabilidade agrávase pola súa situación.

-Unha violencia contra as mulleres e da cal apenas temos datos e silénciase pola Xustiza e Administracións públicas, é a Violencia Institucional. Dos casos denunciados en 2024 (estudo do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller) o 52% dos casos déronse no ámbito xudicial ,11% no ámbito policial, 10% nos sistemas sanitarios e 8% nos servizos sociais. As mulleres séntense revitimizadas en moitos casos cando por fin son quen de acudir aos Xulgados e ás Administracións públicas.

Vivimos nunha loita constante de supervivencia nun mundo dirixido por homes  movidos pola avaricia e o odio que nos levan a guerras, que unidas ás nosas loitas persoais, convértense en dobres batallas. As denuncias por parte de mulleres mergulladas nun conflito bélico son unha utopía porque a supervivencia móveas máis cós abusos psicolóxicos, físicos ou sexuais padecidos.

ONU WOMAN alertou de que 676 millóns de mulleres e nenas estaban expostas a conflitos armados en 2024, a cifra máis alta dende a década dos 1990. Entre as mulleres asasinadas sete de cada dez perderon a vida en Gaza en 2025. As mulleres son as que están a reflectir a guerra tatuándoa nos seus rostros e nos seus corpos.

Outra causa máis que está a incrementar as violencias cara ás mulleres é a crise climática. Cada incremento de 1ºC de quecemento global aumenta un 4,7% a violencia na parella. Se non se toman medidas urxentes, o cambio climático podería relacionarse cun de cada dez casos de violencia machista a finais de século. Así, na actualidade púidose demostrar que coas ondas de calor que está a vivir o noso planeta, aumentaron un 28% as violencias machistas.(Estudos realizados por Iniciativa Spotlight da ONU)

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, ano tras ano seguimos denunciando un xenocidio que acaba diariamente coa vida de moitas mulleres. Este ano puxemos de relevancia a todas as mulleres palestinas que están a vivir a barbarie da guerra nas súas casas, nos seus corpos e nas súas familias, sen deixar de denunciar as mortes e violencias sistemáticas que día a día sofren todas as mulleres de todas as partes do mundo.

Desexariamos que os 25N desaparecesen dos nosos calendarios tal como os sentimos na actualidade, que fosen días festivos nos que puidésemos rir e alegrármonos dun día máis nas nosas vidas, pero ata que non haxa “nin unha máis” asasinada neste mundo en mans dun agresor, isto non ocorrerá.

 

UN RECORDO ( MARGARET SACKVILLE)

Non había nin un ruído, nin un berro na vila,

é dicir, nada que contase como son, tras as bombas; só

detrás dun muro un apagado salouco de mulleres, o renxer

dunha porta, un can perdido: nada

máis un silencio que podía tocarse, non había

pena no silencio,

terrible, brando como o sangue, por todos

os camiños ensanguentados.

No medio da rúa dous corpos xacen

insepultos

e unha muller acoitelada fítanos

na praza do mercado

humilde da arruinada vila, non hai

orgullo de conquista para eles,

a súa única oración: Dános hoxe, Señor,

o noso pan de cada día.

Somos os lumes da batalla ou a

metralla o que nos persegue:

Quen nos librará do recordo destes

mortos?

 

O teléfono 016 atende as vítimas de violencia machista, as súas familias e a súa contorna as 24 horas do día, todos os días do ano, en 53 idiomas diferentes. O número non queda rexistrado na factura telefónica, pero hai que borrar a chamada do dispositivo. Tamén se pode contactar a través do correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e por WhatsApp no número 600 000 016. Os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10. Se é unha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). E en caso de non poder chamar, pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, dende a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

Organización de Mujeres da Confederación Intersindical

Asemblea de mulleres do STEG

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza