Secretaría da Muller · Comunicados

28 de setembro Día de acción global polo aborto libre e seguro

28 de setembro Día de acción global polo aborto libre e seguro

28 DE SETEMBRO. DÍA DE ACCIÓN GLOBAL POLO ABORTO LIBRE E SEGURO

¡NÓS DECIDIMOS!

Máis de 39.000 mulleres morren anualmente no mundo a causa de abortos clandestinos e centos de milleiros sofren secuelas para toda a vida, segundo a Organización Mundial da Saúde.

Amnistía Internacional e outros organismos especializados constataron que, independentemente de cal sexa o marco legal do país de residencia, as mulleres recorremos ao aborto en proporcións semellantes e que o feito de que a IVE sexa legal ou non só incide no risco que esta práctica supón para a nosa saúde.

En España, unha lei de saúde sexual e reprodutiva de 2010, modificada e ampliada en 2023, garante formalmente sobre o papel que as mulleres temos dereito a abortar e a facelo segundo os criterios de gratuidade, accesibilidade e proximidade que as administracións competentes están obrigadas a facilitarnos. Porén, a realidade é que só un 15% dos abortos realizados o ano pasado no noso país se fixeron en hospitais públicos, e que a IVE aínda non se normalizou como unha prestación sanitaria á que calquera muller ten dereito nos supostos recollidos pola lei.

Os sectores máis reaccionarios da nosa sociedade traballan sen descanso para intervir cos seus dogmas e a súa moral particular na esfera pública, cívica e universal, e non só obstaculizan o acceso a un dereito das mulleres avalado por unha lei democrática, senón que mesmo chegan a impedilo en ocasións.

A obxección de conciencia médica —e, en consecuencia, a falta de profesionais sanitarios— é a escusa que actualmente alegan os gobernos autonómicos para agochar a súa deixación de funcións, a súa deliberada neglixencia no cumprimento da lei e o seu sabotaxe descarado á nosa democracia. É un motivo ideolóxico, a resistencia fundamental a que as mulleres decidamos por nós mesmas sobre o noso corpo e a nosa sexualidade, a causa principal de que só en cinco comunidades autónomas existan actualmente protocolos reguladores da obxección de conciencia médica e de que en doce provincias non se realicen interrupcións voluntarias do embarazo, obrigando as mulleres destes territorios a asumir desprazamentos de centos de quilómetros nunha situación de especial vulnerabilidade persoal e social.

Detrás dos estigmas, tabús e silencios que, en pleno século XXI, aínda rodean o dereito ao aborto, o que subxace é un dos espectros máis temíbeis do patriarcado e a columna fundamental da misoginia: o medo á muller libre, independente e capaz de asumir, sen tutela masculina, as rendas da súa sexualidade e da súa propia vida. Comprobamos recentemente en Polonia e nos Estados Unidos que, en canto os misóxinos acceden ao poder, unha das súas principais tarefas é impedir o dereito das mulleres ao aborto.

Por iso, o dereito a un aborto libre, seguro e na sanidade pública é un dos eixes fundamentais da loita feminista e, sen dúbida, unha das probas máis evidentes da fortaleza dunha democracia.

NÓS DECIDIMOS

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza