MISION SINDICAL EUROPEA NO SÁHARA OCCIDENTAL
8 centrais sindicais de varios estados europeos permaneceron en El Aaiun, capital do Sáhara Occidental, durante 3 días
Unha delegación de sindicatos europeos composta polas centrais sindicais do Estado español (CCOO, Confederación Intersindical, USO), Euskadi (ELA-STV), Galiza (STEG e CIG), Francia (CGT), Italia (CGIL) e Portugal (CGTP-IN), baseándose nos acordos alcanzados trala proposta realizada por UGTSARIO na 36ª Conferencia Internacional de Solidariedade co Sahara Occidental celebrada en novembro de 2010 en Le Mans, desprazouse a El Aaiun do 23 ao 25 de xaneiro.
Os obxectivos desa misión internacional eran mostrar a solidariedade cos traballadores e as traballadoras do Sáhara Occidental e co pobo saharauí e coñecer sobre o terreo a situación actual nos territorios ocupados por Marrocos.
Durantes eses días realizáronse reunións coa Confederación Sindical de Traballadores Saharauís (CSTS) –organización sindical non recoñecida polo goberno marroquí-, con traballadores da empresa OCP de fosfatos Fosbucraa e outras, e con asociacións saharauís defensoras dos dereitos humanos.
Tamén se realizaron reunións co gobernador de El Aaiun e co vicepresidente do Consello Municipal, o presidente do Consello Rexional (Parlamento) e do Consello Provincial de El Aaiun.
Durante a visita, a delegación sindical constatou a falta de liberdades políticas, sociais e sindicais da poboación e dos traballadores e as traballadoras saharauís, a quen non se lle permite a creación de organizacións, asociacións e sindicatos que non estean sometidos ás directrices gobernamentais marroquís. Recibimos testemuñas de que permanecen detidos máis de cen saharauís por ter participado nas protestas do campamento de Gdeim Izik. Asimesmo, constatamos que a explotación dos recursos naturais saharauís tampouco reviste beneficios para a súa poboación (en creación de postos de traballo, etc.). Queremos denunciar, tamén, o control policial ao que estivemos sometidos. A policía marroquí seguiunos en todos os nosos desprazamentos, gravando e fotografando as nosas actividades.
A delegación sindical mostrou a súa solidariedade cos traballadores de Fosbucraa, que se están a manifestar dende hai meses ante a sede da dirección da empresa, esixindo que se lles recoñezan os seus dereitos derivados dos contratos de traballo asinados o seu día coa empresa Fosbucraa e se lles indemnice axeitadamente polos incumprimentos e discriminacións que sufriron polo feito de ser saharauís.
Os sindicatos participantes nesta misión internacional expresan unha vez máis a súa solidariedade co pobo saharauí e esixen que se respecte o seu dereito á autodeterminación mediante a realización do referendo recollido en numerosas resolucións de Nacións Unidas e reiteradamente incumpridas polo Reino de Marrocos. Instamos á Unión Europea a que teña en conta estes principios nas súas relacións con Marrocos, suspendendo o Estatuto Avanzado que mantén con el. Esiximos ao goberno español, potencia administradora do territorio, segundo a lexislación internacional, que exerza unha política de neutralidade activa, rota coas declaracións da ministra de Asuntos Exteriores e o ministro da Presidencia, favorables ás teses marroquís.
- CCOO. España
- Confederación Intersindical. España
- USO. España
- ELA-STV. Euskadi
- CIG. Galicia
- STEG. Galiza
- CGT. Francia
- CGIL. Italia
- CGTP-IN. Portugal