Vacantes e redución do profesorado
A Consellaría segue recortando efectivos no ensino negándose a cubrir substitucións do profesorado
A Consellaría negouse a cubrir as vacantes do profesorado candidato nas eleccións municipais
Durante todo este curso a Consellaría continúa cunha política de recortes que afecta a centos de substitucións sen cubrir e a milleiros de alumnas e alumnos que ven vulnerado o seu dereito a unha educación de calidade. Foi práctica habitual deste curso e doutros anteriores non cubrir as baixas anteriores aos períodos vacacionais, mesmo cando xa se coñecían con antelación. Ao recorte anterior súmase outro que nunca se fixera: A Consellaría negouse a cubrir as vacantes do profesorado candidato nas eleccións municipais.
No DOG publicouse a normativa que da dereito ao profesorado galego que sexa candidato ás eleccións municipais a participar na campaña durante os 15 días desta. Nun primeiro momento colgáronse algunhas das vacantes para cubrir con substitucións e así atender ao alumnado e ao seu dereito á educación.
Posteriormente retiráronse da web da Consellaría polo que a nosa organización púxose en contacto coa Administración para coñecer as razóns e esixir que foran cubertas. Respondéusenos que non se ían cubrir por incluír o festivo das letras galegas e non ser 15 días senón 14.
Para o STEG estamos ante outro recorte inxustificado de profesorado e de atención ao alumnado galego polo que na Mesa sectorial esiximos que sexan cubertas tal e como demandan os centros educativos. A Consellaría, que se negou a cubrilas, non facilitou os datos do profesorado afectado que segundo as nosas estimacións é de varias decenas e de centos de alumnas e alumnos que se verá privados de medio mes sen clase.
A estes recortes hai que engadirlle a supresión de máis de 700 prazas de profesorado, a preocupación pola amortización de centros de prazas correspondentes á xubilación LOE e cativas ofertas de emprego que non axudan a mellorar o ensino público.
Desde o STEG rexeitamos esta política da Consellaría de recortar recursos educativos que atentan contra o dereito do alumando a recibir unha educación de calidade e que son contrarios ao traballo en contra do fracaso escolar.