Ante condicións metereolóxicas adversas
A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN ABANDONA Á COMUNIDADE EDUCATIVA AO NON DECIDIR SE SE PECHAN OU NON OS CENTROS ESCOLARES DIANTE DO ADVERSO METEOROLÓXICO PREVISTO PARA O XOVES 2 DE DECEMBRO
A Consellería deixa en mans das direccións dos centros educativos e das empresas de transporte a decisión sobre se o alumnado galego das zonas afectadas polo temporal terá clase mañá.
Para o STEG esta decisión debe ser asumida pola Administración educativa xa que é a súa competencia. É una irresponsabilidade deixar a decisión ás empresas privadas de transporte cando a dia de hoxe non poden adiviñar, xa que non é a súa competencia, a situación na que se atoparán as estradas galegas mañá.
Non é a primeira vez que a Consellería delega as súas funcións nas direccións dos centros e, o que é aínda mais incríbel, nas empresas de transporte escolar. O STEG demanda da Administración educativa que asuma a responsabilidade de gobernar e que ela decida a suspensión ou non das clases tendo en conta os informes técnicos de meteoroloxía e dos responsábeis de tráfico. Con estes informes técnicos, a Consellería debe tomar a decisión oportuna para garantir a seguridade do alumnado e do profesorado galegos.
Gobernar consiste en tomar decisións e asumir as consecuencias das mesmas e non inhibirse de facelo, trasladando a responsabilidade ás direccións dos centros que non contan, entre outras cousas, cos informes técnicos pertinentes.
Resulta grave que onte, día 30 de novembro, a Administración en reunión co STEG e demais OOSS, despois de anunciarnos a intención de que ía proceder a pechar os centros tendo en conta os concellos afectados, tal como se lle esixiu, sorprende incumprindo a súa palabra e enviando instrucións que xeran inseguridade e confusión na comunidade educativa.
Nestas instrucións anexan os concellos en alerta meteorolóxica, que son a grande maioría dos da provincia de Ourense (76), Lugo (52), así como 33 concellos da Coruña e 17 de Pontevedra. Estas cifras fan máis necesaria unha actuación firme e resolutiva da Administración, en tanto que nos concellos afectados hai máis de 100.000 alumnos e alumnas en idade escolar.
Xuntamos o correo enviado pola consellería aos centros.