Vacantes xeradas por candidaturas ás eleccións municipais
O STEG denuncia que a Consellaría se nega a cubrir as vacantes do profesorado candidato nas vindeiras eleccións municipais
Animamos a todos os centros a que lle esixan á Administración, ao igual que o está a facer o STEG, que cubra estas vacantes
No DOG do 5 de maio, publícase a normativa que dá dereito ao profesorado galego que sexa candidata ou candidato nalgunha das candidaturas que concorren nestas eleccións municipais, a solicitar permisos para participar na campaña entre o 6 de maio e o 20 de maio.
Nun primeiro momento colgáronse algunhas das vacantes para cubrir con substitucións e así manter atendido ao alumnado afectado polo profesorado que pida eses permisos e satisfeito o seu dereito á educación.
Onte, sorprendentemente, comprobamos que se retiraron da web da Consellaría polo que a nosa organización se puxo en contacto coa Administración para coñecer as razóns dese feito inadmisible, en tanto que se recoñece expresamente na Lei o dereito a solicitar ese permiso, e esixir que foran cubertas. Respondeuse que non se ían cubrir por incluír o festivo das letras galegas e non ser 15 días senón 14. Tamén se dixo que se un centro tiña moitas necesidades, estudarían cubrilas, en especial en 2ª de Bacharelato, polo que vos animamos a que esixades que se cubran independentemente da etapa ou nivel.
Para o STEG estamos ante outro recorte inxustificado de profesorado e da atención ao alumnado galego, polo que na Mesa sectorial do 5 de maio esiximos que foran cubertas as solicitudes que se demanden dende os centros educativos.
A Consellaría non facilitou os datos do profesorado afectado, que segundo ás nosa estimacións afecta a un número importante de docentes e a centos de alumnas e alumnos que se verán privados de medio mes de clase.
Dende o STEG rexeitamos esta política da Consellaría de recortar recursos educativos que atentan contra o dereito do alumnado a recibir unha educación de calidade e que son contrarios ao traballo en contra do fracaso escolar.