STEG ó día · STEG opina

24-03-2014

A Consellería quere facer uso do profesorado de lingua galega como esquirol

Persoal que imparte cursos CELGA

A CONSELLERÍA QUERE FACER USO DO PROFESORADO DE LINGUA COMO ESQUIROL CONTRA OS DEREITOS LABORAIS DAS PERSOAS QUE VIÑAN IMPARTINDO OS CELGA

 

 

En datas recentes, as Inspeccións de Traballo de Coruña e Ourense sancionaron a Consellería de Educación da Xunta de Galicia por non recoñecer a relación contractual que existía entre a Administración e as persoas (perto de 500) que viñan impartindo a docencia dos cursos de galego CELGA e non telas dadas de alta na Seguridade Social.

 

 

 

Como resposta a esa lóxica e xusta resolución das Inspeccións de Traballo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería do Sr. Jesús Vázquez toma agora a decisión de prescindir da totalidade de persoas que viñeran prestando os seus servizos como docentes dos cursos CELGA e pasar a ofertar a impartición deses cursos ao profesorado de Lingua Galega que exerce nos centros educativos de secundaria, coa consideración de “horas extras” e cunha remuneración económica que rolda os 2.500 euros. Nestes últimos días numerosos centros están sendo obxecto de chamadas telefónicas para que realicen consultas de dispoñibilidade nese sentido.


Perante esta situación, o STEG quere manifestar:

 

 

 

  • A súa solidariedade máis firme coas reivindicacións e cos dereitos laborais, recoñecidos por Inspección de Traballo, do colectivo de persoas que viñan impartindo os cursos CELGA e o seu apoio a cantas medidas e mobilizacións emprenda este colectivo no inmediato futuro para a defensa deses dereitos.
  • A súa rotunda condena á actitude adoptada pola Secretaría Xeral citada e pola propia Consellería unha vez que resultou sancionada, pois non só constitúe unha descarada negativa a acatar e cumprir coa lexislación laboral e a respectar os dereitos laborais que as resolucións das Inspeccións de Traballo viñan restituír, senón que representa un vingativo “despido masivo”, totalmente arbitrario, que non ten máis xustificación que a falta de decencia e a prepotencia políticas. Desde o STEG preguntámonos se é así como este goberno crea postos de traballo e reduce o paro.
  • O seu protesto contra a reiterada actitude de desobediencia e cínica xustificación que caracteriza ao Conselleiro Jesús Vázquez e ao seu equipo diante das resolucións xudiciarias ou arbitrais sempre que lle son desfavorábeis (lémbrense os casos das sentenzas sobre decreto de plurilingüismo, sobre ilegalidade dos concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero, etc.).
  • O seu chamamento a todas e cada unha das persoas que compoñen o corpo de profesorado de Lingua Galega nos centros de secundaria neste momento para que rexeite participar nesta manobra indigna da Consellería, declinando impartir eses cursos e evitando así facer o triste papel de “rebentadereitos” a respecto doutras traballadoras e traballadores que o único que fixeron, como as resolucións das Inspeccións de Traballo poñen claramente de manifesto, foi queixarse con toda a razón dunha situación de inxustiza e conculcación de dereitos laborais que estaban padecendo e que calquera gobernante democrático con sentido mínimo da decencia procuraría resolver de maneira inmediata e satisfactoria conforme á lei.

 

 

 

Permanente do Secretariado do STEG
Compostela, 24 de marzo de 2014
pdf co documento

A raíz desta información, os sindicatos CUT e CNT, puxéronse en contacto con nós para sumarse íntegramente a todo o manifestado polo STEG.

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza