STEG ó día · STEG opina

12-03-2020

A OBRIGA DE PERMANECER NOS SEUS CENTROS EDUCATIVOS POÑERÍA EN RISCO A SAÚDE DO PROFESORADO. O STEG APELA Á RESPONSABILIDADE DA XUNTA.

SUSPENSIÓN DAS CLASES NO ENSINO PÚBLICO:

É probábel que nunhas horas coñezamos as instrucións da Consellería relativas á actual situación e derivadas da suspensión das clases. Pero o persoal docente non pode quedar á marxe das medidas tomadas polas autoridades para evitar a propagación do coronavirus. Nos últimos días observamos como dende distintos territorios se tomaba a decisión de suspender as clases, para impedir a rápida propagación do coronavirus que está a sufrir o noso país estas datas. Toda a Comunidade de Madrid e algunhas localidades ou centros educativos de Áraba, Biscaia, A Rioxa e Asturies xa decretaron tamén o cesamento da actividade nos centros educativos. Dende mañá, farano o País Vasco e a Universidade de Castela a Mancha e tamén o vindeiro luns nós, aquí en Galiza, ao igual ca Cataluña e Murcia. Suspenderase a actividade académica.

Con todo, e á falta das instrucións claras e precisas que o STEG lle demandou por escrito esta mañá á Consellería, nalgúns destes casos, o profesorado segue obrigado a cumprir a súa xornada laboral no centro de traballo. Polo momento, entendendo a urxencia na asunción de medidas, cómpre cuestionar -como mínimo- a fase informativa por parte de Feijóo e do seu goberno. Profesorado e alumnado despedíronse hoxe en moitos casos, sen saber da suspensión das aulas, nalgúns outros foi o alumnado quen informou o profesorado. Isto foi claramente evitábel, pero sinxelamente non se lle xulga importante. E logo pasa o que pasa.

A falta de que a Consellería se digne a remitir dunha vez algún tipo de instrucións -toda vez que non se dignou a informar as traballadoras/es, centros educativos e organización sindicais da suspensión das clases máis que a través dos medios de comunicación-, semella que instará o profesorado a seguir acudindo os centros.

Así e todo –e á falta da confirmación deste estremo-, parece dunha alarmante irresponsabilidade que as mesmas autoridades que consideran unha situación de risco o normal desenvolvemento da actividade lectiva, non teñan esa mesma consideración para as actividades que o profesorado debe levar adiante nas escolas, colexios e Institutos. Na inmensa maioría dos casos, os claustros destes centros están compostos por decenas de persoas, que chegan a superar o centenar de docentes nos máis grandes. O STEG xulga evidente que isto conleva riscos de contaxio e, ademais, non se exerce a prevención e o control necesario diante da expansión do virus. Ademais, o traballo telemático ao que aludiu vagamente o presidente Feijóo na súa rolda de prensa, resulta incerto e difuso nas actuais circunstancias, pois está lastrado en non poucos casos por deficiencias técnicas.

Así as cousas, as ausencias do profesorado afectado por peche de centro, por estar en corentena ou afectado pola enfermidade deben ser consideradas Incapacidade Laboral por enfermidade profesional. Así mesmo deben convocarse, o máis axiña posible, os Comités de Seguridade, Saúde e Prevención de riscos laborais no ámbito educativo. En calquera caso, dende o STEG consideramos que, dado o cambio cuantitativo e cualitativo que está a tomar a propagación do virus no ámbito educativo, o principio de prevención e o dereito á saúde de todos os membros da comunidade educativa deben priorizarse. Por iso, aínda que loxicamente estas medidas débenas tomar as persoas expertas de Saúde Pública, entendemos que a mellor medida que se pode tomar no noso ámbito para controlar a expansión, é o peche inmediato de todos os centros educativos das zonas onde a propagación do COVID-19 está a ser máis agresiva, ademais da suspensión temporal de reunións, congresos e todas as actividades presenciais de formación do en todo o país.

-documento en pdf

12 de marzo de 2020

COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza