Pacto social e político pola educación
O STEG sostén que a política educativa que se haxa de seguir nos vindeiros anos debe priorizar o ensino público, por canto asegura para toda a poboación un conxunto de valores, de servizos e de programas educativos nas condicións de gratuidade, participación e liberdade de opinión imprescindíbeis para unha sociedade democraticamente desenvolvida, tal e como ocorre na nosa contorna, especialmente na Unión Europea. Non podemos compartir que, en nome da chamada liberdade de elección de centro, o Estado financie calquera opción procedente da iniciativa privada, mentres o fracaso escolar, o abandono e os déficits de inclusión educativa e social non son atendidos con recursos suficientes e coa dilixencia necesaria.
STEG dedicará tamén unha gran atención ás medidas que recibe o alumnado de todos os tramos educativos, ao mesmo tempo que continuaremos coa nosa esixencia da diminución do número de alumnos por aula en todas as etapas, medida fundamental nun pacto educativo que aposte pola calidade. Neste sentido consideramos unha oportunidade perdida non ter abordado a imprescindíbel redución da ratios, condición necesaria dun sistema educativo que elimine o fracaso escolar.
Tamén era unha boa oportunidade para o recoñecemento da desigualdade da lingua propia para a adopción de medidas positivas que garantan a competencia plena do noso alumnado ao mesmo nivel que o español.
Preocupa especialmente a falla de concreción para que o profesorado reciba as medidas de apoio e os recursos necesarios para poder realizar en mellores condicións o seu traballo, así como unha mellora das súas condicións laborais. Neste último sentido, parécenos do todo insuficiente, ante a demanda unánime do profesorado, a simple alusión a que se estudará a posibilidade de prorrogar a actual xubilación anticipada, sen ofrecer ningunha garantía ou proposta en firme.
Documento definitivo do pacto educativo
Secretariado Nacional do STEG
abril 2010