STEG ó día · STEG opina

15-01-2018

CONFIRMADA A SENTENZA CONDENATORIA DUNHA NAI QUE CALUMNIOU POR WHATSAPP UNHA MESTRA NUN COLEXIO DE VIGO.

COMUNICADO DO STEG

Un tribunal da sección 5ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, presidido pola xuíza Fariña Conde e formado asemade polos maxistrados Pérez Martín-Esperanza e Sánchez Herrero, ven de desestimar mediante sentenza núm. 422/17, de novembro de 2017, o recurso de apelación interposto por Dona L. D. C., nai dun alumno de Infantil no Colexio Plurilingüe Carrasqueira de Vigo, que fora condenada en primeira instancia no pasado mes de maio de 2017 polo Xulgado do Penal nº 3 da cidade olívica por un delito de calumnias contra a mestra Dona G. H. C. á pena de 7 meses de multa a razón de 3 euros ao día (630 euros en total) e máis de 1 euro como indemnización por dano moral, xa que a propia mestra calumniada non quixo reclamarlle máis que unha cantidade puramente simbólica.

Os feitos remóntanse ao 14 de xaneiro de 2016, cando a nai agora condenada colgou nun grupo de whatsapp de pais e nais da clase 5º de Infantil a seguinte mensaxe, con claro ánimo de atentar contra a propia estimación da profesora Dona G. H. C. no exercicio da súa función docente: “Esto es lo que os voy a decir lo que está sufriendo mi hijo. La profesora G. se dedica a zarandearlo de malas formas, a tirarlo del brazo, se burla de él, le tira las fichas del puzzle al suelo, le come el bocadillo... Con esto os quiero decir que controléis a vuestros hijos que le preguntéis por esta individua y si pasa con alguno más tenemos que hacer fuerza entre todos y plantarle cara”.

A mestra buscou resolver a situación creada nunha reunión aclaratoria que se celebrou no propio centro e en presenza do equipo directivo, dándolle á nai a oportunidade de desculparse pola mesma vía que utilizara para verter as súas aseveracións calumniosas, se o consideraba oportuno e estimaba suficientes as explicacións recibidas. En ausencia de tales desculpas no grupo de wathsapp e tras darlle unha nova oportunidade por medio dun acto de conciliación no Xulgado de 1ª Instancia nº 1 de Vigo, en abril de 2016, a negativa da nai á avinza e á rectificación das súas aseveracións desembocou finalmente nun xuízo con resultado condenatorio para ela, por un delito de calumnias.

Agora, na sentenza ditada sobre o recurso de apelación interposto, a maxistrada-ponente reitera a consideración de calumnias para os feitos probados e subliña a falta de rectificación por parte desa nai. Tamén incide na absoluta inexistencia de indicios do máis mínimo maltrato cara ao menor e nega que se producise ningún tipo de erro na valoración das probas presentadas, como alegaba a recorrente. Na mesma liña, por último, considera que as expresións vertidas no grupo de whatsapp “son xa obxectivamente ofensivas e suficientemente graves para considerar menoscabada a dignidade e o honor da prexudicada, na medida en que menoscaban a honra e o creto da profesora”.

Desde o STEG felicitámonos polo contido claro e reparador desta sentenza, que axuda a restituír a imaxe e a honra da mestra calumniada e, ao mesmo tempo, senta un precedente xurídico moi valioso para abordar no futuro situacións semellantes que, por desgraza, semellan resultar cada vez máis frecuentes.

Nesta perspectiva, desde STEG facemos un chamamento a toda a comunidade educativa a manter sempre unha actitude respectuosa e colaboradora entre todos os seus integrantes e a empregar as canles contemplados nos regulamentos convivenciais de centro para resolver os eventuais conflitos que se poidan producir. En particular, parécenos moi relevante chamar á responsabilidade de toda a comunidade educativa á hora de facer un uso racional e ponderado das novas tecnoloxías, para que sexan unha ferramenta máis na necesaria cooperación que debe estabelecerse entre todos e non un medio ou pretexto para causar máis ou peores desencontros.

-documento en pdf


                                                                 COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
11 DE XANEIRO DE 2018

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza