STEG ó día · STEG opina

13-11-2015

Comedores escolares: A Consellería

Electoralismo da administración educativa

A Consellería de Educación vén de rescindir os contratos asinados no seu momento con dúas empresas de cátering: Col-Servicool e Perea Rojas. Logo de reiteradas protestas por parte de diversos axentes da comunidade educativa en centros de Cambre, Culleredo, Arousa ou Cuntis, e da apertura dun expediente de penalidades ás dúas entidades, a Consellería anulou os acordos que mantiña con dúas destas empresas privadas, radicadas en Málaga!

A privatización dos comedores escolares dos centros públicos de ensino, a través de concesións, moitas veces millonarias, é unha práctica que vén sendo habitual nos últimos anos, especialmente durante os gobernos do señor Feijoó. A mesma encádrase nas políticas neoliberais da dereita, moitas das cales nos trouxeron até a situación actual: a externalización xeralizada de moitos dos servizos públicos, que derivaron nun
empeoramento e encarecemento do servizo en detrimento da cidadanía.

Especialmente penoso resulta, neste caso concreto, que a alimentación das meniñas e meniños nas escolas públicas estea en mans irresponsábeis en moitos casos  lembremos que as protestas por este tipo de servizos prodúcense con máis frecuencia da debida, tanto en Galiza como no resto do Estado), derivando nun servizo pobre, escaso e mal atendido.

O STEG defende que os comedores escolares se abastezan dos produtos de proximidade, incentivando o comercio local ou pequeno comercio, fornecendo os produtos galegos a través da súa posta en valor, potenciando o seu uso nos centros educativos, no camiño de que a escola teza relacións colaborativas coa contorna da comunidade educativa onde se insire a súa actividade.

O STEG observa positivamente que haxa dilixencia nas inspeccións sanitarias dos comedores escolares, así como a apertura de expedientes cando corresponda, mesmo a rescisión de contratos con empresas que incumplen os seus compromisos, poñendo en risco a saúde do alumnado galego. Pero moito nos tememos e lamentamos que este tipo de actuacións están directamente vencelladas a unha pretendida dilixencia que o
goberno está interesado en vender, tendo en conta a inminencia das eleccións xerais o vindeiro mes de decembro.

O STEG defende a xestión pública dos comedores escolares, no convencemento de que a privatización dos mesmos diminúe a atención ao noso alumnado e vai en detrimento da calidade do servizo, e condena enerxicamente a mala praxe de empresas que poñen en risco a saúde das nenas e nenos que comen a cotío nas escolas galegas.
 

Permanente do Secretariado Nacional do STEG
13 de novembro de 2015

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza