26-11-2013 Comezo ´Penoso´ da negociación dun Estatuto hipotecado polos recortes e a Lomce
Estatuto do Profesorado
O STEG CUALIFICA DE “PENOSO” O COMEZO DA NEGOCIACIÓN DO ESTATUTO DO PROFESORADO QUE ESTA HIPOTECADO POLOS RECORTES E A LOMCE
O Ministerio de Educación, co Sr. Wert á cabeza, presentou hoxe á representación do conxunto do profesorado de todo o Estado a súa proposta de negociación do Estatuto Docente. O Ministro leva preto de dous anos anunciando a súa intención de negociar o devandito Estatuto e, agora, preséntase cun simple guión, ignorando o proceso negociador anterior e a proposta de Estatuto que se chegou a consensuar na mesa Sectorial, pero que o goberno de Zapatero non asumiu.
O STEG manifestou na xuntanza que o Estatuto que se traballou no curso 2007-2008 debe ser a base sobre a que partir nesta negociación e, xa que logo, tería que ser o documento co que se debería desenvolver o guión presentado; esta formulación foi asumida polo MEC ante o rexeitamento sindical a empezar de cero.
A negociación do Estatuto está hipotecada polos recortes e a LOMCE. O STEG considera e así o manifestou na xuntanza, que o Ministerio debe retirar ou derrogar de cara ao vindeiro curso o RD 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, o decreto dos recortes, o que empeorou substancialmente as condicións de traballo do profesorado e o que o puxo á cabeza da OCDE en canto ao número de horas lectivas semanais e en canto ás ratios das aulas nas que desempeña a súa función.
Doutra banda, a LOMCE contén algúns aspectos que tamén hipotecan este posible Estatuto, sobre todo no que se refire a facer do Director do Centro un xerente empresarial que o decide todo sen consultar nin ao Claustro do profesorado nin ao Consello Escolar do Centro, así como no referente a poder realizar a selección do profesorado impoñendo perfís específicos ás prazas de persoal.
O STEG, ademais de facer un chamamento ao conxunto do Profesorado para que siga este proceso negociador, vai difundir entre o profesorado as propostas que presente o MEC, para debatelas e elaborar contrapropuestas que respondan aos nosos obxectivos de potenciación da escola pública e de mellora das condicións de traballo do profesorado.
Secretariado Nacional do STEG
26 de novembro de 2013