06-11-2019 Comunicado do STEG ao respecto do 10-N
ELECCIÓNS XERAIS
O vindeiro domingo volven abrir os colexios electorais para elixir aos nosos e nosas representantes nas Cortes Xerais durante a próxima lexislatura e, por tanto, terán a responsabilidade de elixir a quen haberá de presidir o futuro goberno. Catro eleccións xerais en catro anos, máis unha moción de censura. Durante este tempo de incertezas políticas, dende o STEG loitamos insistentemente para que os partidos políticos potencien a escola pública, a dignifiquen e a afasten de intereses particulares, quer durante as campañas electorais, quer na actividade parlamentaria e na súa acción de goberno.
Con todo, as directrices capitalistas e os dogmatismos reaccionarios seguen aumentando a súa presión sobre o ensino e o resto de servizos públicos, ao mesmo tempo que aumentan as agresións cara á poboación máis vulnerábel e parecen cotizar á alza os discursos de odio en contra da igualdade e a diversidade. Non hai dúbida de que o escenario político que vivimos é complicado. As opcións electorais de corte conservador endureceron as súas mensaxes e propostas cunha serie de proclamas ultraconservadoras, reaccionarias e antidemocráticas que ameazan abertamente cunha degradación do sistema público en beneficio das elites.
No tocante á lingua, por exemplo, o PP de Feijóo asume as propostas relativas ao galego e ás restantes linguas do estado que degradarían aínda máis a súa situación e que son contrarias á defensa leal dun país, da súa cultura e da súa lingua propia. Por outra banda, resultou insuficiente a acción de goberno no ámbito educativo durante os meses transcorridos desde a moción de censura de xuño de 2018 contra Mariano Rajoy, que conlevou a investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno. É insuficiente porque de nada serve “propoñer” unha derrogación da LOMCE sen que se faga realidade a desaparición desta lei segregadora, ou aprobar unha exigua lei de “mellora das condicións para o desempeño da docencia” que na práctica non se pode aplicar, ou manter o acordo de 2017 para a “mellora do emprego”, cando demostrou sobradamente que nin reduce as porcentaxes de interinidade nin estabiliza o profesorado interino ameazado con perder o seu traballo.
Diante desta situación, dende o STEG esiximos vontade política para reforzar inequivocamente o dereito a unha educación democrática, laica, feminista, inclusiva e superadora de desigualdades sociais e territoriais. Por todo iso, facemos un chamamento á participación para defender, tamén dende as urnas, a nosa escola pública nun momento como o actual, en que están en xogo cuestiones fundamentais como a igualdade, a diversidade, as liberdades civís e a dignidade das traballadoras e os traballadores. Votemos sen medo e con firme convicción pola escola pública que merecemos e que día a día construímos entre todas e todos.
-documento en pdf
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG e STEs-Intersindical, 5 de novembro de 2019