30-06-2011 Concentración en defensa de preescolar na casa
Hoxe, día 30 de xuño, concentrámonos diante do edificio multiusos de Lugo para solicitar que se manteñan os fondos destinado ao Programa.
O Programa Preescolar na Casa, que leva traballando dende o ano 1987 pola infancia e o acompañamento das familias en educación infantil familiar, está a pasar por momentos moi difíciles.
Actualmente o financiamento da Xunta de Galicia, o principal subministrador de fondos do Programa, tivo unha redución dun 45%, do que se benefician actualmente arredor de 4.000 familias distribuídas por 267 concellos galegos.
Resulta paragóxico que este Programa, pioneiro neste tipo de servizo en todo o Estado, e que serviu de referencia a outras experiencias postas en marcha noutras Comunidades, nas que se está apostando por este tipo de iniciativas en beneficio das familias, vexa reducida as achegas da Administración Pública Galega nunha porcentaxe tan significativa.
Neste intre o Padroado da Fundación Preescolar na Casa e os seus traballadores están a facer un esforzo conxunto na procura de recursos que poidan servir para superar este momento. En todo caso, para facer fronte a esta situación, a Fundación vese obrigada á presentación dun E.R.E., polo que o servizo se verá seriamente mermado, sendo o único destas características que se está a prestar na actualidade na Comunidade Autónoma Galega.