25-10-2012 Cotizamos polo que non cobramos
Paga extra de Decembro
Cotizamos polo que non cobramos
A asesoría xurídica do STEG está a estudar a legalidade das nosas cotizacións da “non” paga extra de decembro
Segundo fontes do Ministerio de Facenda o funcionariado cotizará pola paga extraordinaria de decembro que o Goberno decidiu eliminar.
As nosas cotizacións repártense en catorce pagas, polo que aínda que nos eliminen a extra de decembro execútase a redución correspondente a esta paga na nómina de decembro.
Diminuirase, coma todos os meses, ademais da eliminación da nosa paga extra de decembro, un 3,86% e un 1,69 % do haber regulador, polas cotizacións de Dereitos Pasivos e de Muface respectivamente. A redución será de 155,23 € para o grupo A1 e de 122,17 € para o grupo A2 polo que cobraremos ese diñeiro menos que calquera mes do ano.
Para o profesorado que accedeu ao funcionariado a partir do 1 de xaneiro de 2011, a diminución será só pola cotización a MUFACE posto que non pertencen ao réxime de Clases Pasivas. Ao persoal interino non lle afectará por cotizar ao Réxime Xeral da SS.
Esta nova afronta ás nosas condicións de vida demostra que estamos ante un goberno inxusto, insensible e ineficaz. A medida, inxusta a todas luces, presenta, cando menos, dúbidas sobre a súa legalidade. Neste sentido o STEG está a poñer todos os recursos ao noso alcace para evitar este novo agravio ao sector público.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
outubro do 2012