A OM do STEG reclama a igualdade salarial entre homes e mulleres
A ORGANIZACIÓN DE MULLERES DO STEG RECLAMA A IGUALDADE SALARIAL ENTRE HOMES E MULLERES
Día Europeo pola igualdade salarial, 22 de febreiro de 2011
A diferenza salarial entre mulleres e homes é un feito que caracteriza aos mercados de traballo de Galiza, do Estado e da maioría dos Estados industrializados. O desenvolvemento normativo e a implementación de políticas específicas nos últimos anos, tanto no ámbito nacional como no europeo, non conseguiron acabar coa desigualdade salarial.
Os últimos datos publicados polo INE o 24 de xuño de 2010 revelan que a ganancia media anual para as mulleres foi de 18.910,62€ e para os homes foi de 24.203,33€.
Isto supón que as traballadoras españolas gañan aproximadamente un 21,8% menos que os traballadores españois. Esta diferenza é o que se coñece como brecha salarial de xénero e mantense, con maior ou menor profundidade, segundo os parámetros e variables que se observen: comunidades autónomas, actividade produtiva, ocupación, nivel de estudos, tipo de xornada, tipo de contrato, idade, etc. Así, e segundo os datos da última Enquisa de Estrutura Salarial, se atendemos ao parámetro de Actividade Produtiva, atopámonos con que as actividades feminizadas como a industria alimentaria, bebidas, tabacos, industria téxtil, confección e coiro, son as que mostran unha maior brecha salarial, oscilando entre o 30% e o 33%.
Nos sectores masculinizados, a brecha salarial é moito menor. Se atendemos ao parámetro de ocupación vemos que as de baixa e media cualificación presentan un 22% de brecha salarial con tendencia a incrementarse. A diferenza salarial en ocupacións de cualificación alta está no 18%.
Se temos en conta o parámetro de tipo de xornada, as mulleres que traballan a tempo completo gañan un 13% menos que os homes. Polo que respecta ao traballo a tempo parcial, que en España se concentra na poboación feminina (80%), as mulleres reciben un 26% menos de salario que os homes. O tipo de contrato, tamén marca diferenzas: a contratación determinada presenta un 4% menos de salario para as mulleres e no caso de contratos indefinidos a diferenza ascende a un 22% menos para as mulleres.
En todas as comunidades autónomas, segundo os datos da última enquisa de estrutura salarial de 2010, o salario medio das mulleres foi inferior ao dos homes.
A brecha salarial é un indicador da desigualdade entre mulleres e homes no mercado laboral. A raíz desta desigualdade ten que ver con factores de xénero, é dicir, con elementos socioculturais que trasladan ao ámbito do económico a posición de subordinación das mulleres na sociedade. O feito de que as mulleres teñan que asumir case en exclusiva os traballos de coidados e de reprodución ten consecuencias inmediatas para elas: menores oportunidades de emprego, interrupcións ou paralización da carreira profesional, feminización de niveis e categorías baixas, aumento de emprego a tempo parcial, etc., e todo isto contribúe a perpetuar a discriminación laboral e salarial das mulleres.
Desde a organización de mulleres do STEG, consideramos que fan falta medidas urxentes para combater os estereotipos de xénero, que impregnan as relacións sociais contribuíndo a perpetuar a división sexual do traballo.
Ademais, no actual contexto de crise, esiximos o desenvolvemento de medidas urxentes que favorezan a corresponsabilidade nas tarefas de coidados e de reprodución, así como a creación dunha rede pública de servizos que permitan a homes e mulleres conciliar a súa vida persoal familiar e laboral.
Xunto a todas estas medidas é imprescindible a aplicación das leis laborais, con plans de igualdade e convenios colectivos que conteñan medidas tendentes á redución da brecha salarial e á eliminación da segregación horizontal e vertical.