Día Internacional para a Eliminación da Violencia Sexual nos Conflitos
Dende o 19 de xuño de 2015 conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Sexual nos Conflitos co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de poñerlle fin, honrar ás vítimas e aos sobreviventes da violencia sexual de todo o mundo.
Esa data foi elixida porque xa ese mesmo día de 2008 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas condenou por primeira vez a violencia sexual como táctica de guerra e como un impedimento para a consolidación da paz.
En resposta ao aumento do extremismo violento, en 2016, deuse un paso máis recoñecendo a violencia sexual como unha táctica de terrorismo. Afirmando que as vítimas de trata e a violencia sexual cometidas por grupos terroristas deberían ser elixibles para a reparación oficial que se concede ás vítimas do terrorismo.
As mulleres e as nenas representan, polo menos, o 95% das vítimas de violencia sexual documentada nas zonas de conflito en 2023, segundo datos de Nacións Unidas. En territorios como Gaza, Ucraína, Etiopía, Colombia, ou Siria, por nomear algúns dos conflitos que continúan abertos nestes momentos, as mulleres sofren violencias tales como violacións sexuais, escravitude sexual, matrimonios forzados, prostitución forzada, embarazos e abortos forzados que constitúen un atentado contra os dereitos humanos e o dereito internacional de axuda humanitaria.
Por todo isto, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical denuncia que as mulleres sufrimos violencia en todo o mundo polo feito de ser mulleres, violencia que se agrava nos conflitos. Denunciamos tamén a total impunidade dos estados e de grupos criminais, que nos conflitos armados cometen estes graves delitos contra a humanidade. Pedimos o fin dos conflitos armados e unha especial protección para as mulleres e criaturas refuxiadas, que están en situación de especial vulnerabilidade, e esiximos que os organismos internacionais interveñan para que os dereitos humanos sexan tamén dereitos para as mulleres, estean onde estean.