O aumento da ratio nas aulas, un despropósito
Ante a filtración intereseira de que o Ministerio de Educación está disposto a aumentar o número máximo de alumnos e alumnas (ratio) ata chegar a 35, por considerar que dito aumento non inflúe na calidade do sistema educativo, o STEG denuncia que esta xustificación supón un absoluto descoñecemento do que é o ensino e do que significa que nas mesmas aulas estude un alumnado moi heteroxéneo. De se levar a cabo esta barbaridade, encontrariamonos cunha volta ao pasado que fará baixar a calidade do sistema educativo.
O Ministerio que dirixe o Sr. Wert filtrou a noticia de que están a estudar o aumento das ratios que marca a LOE, para chegar ata os 30 alumnos en Primaria e 35 en Secundaria, dando así resposta positiva á petición das comunidades autónomas. O Ministerio de Educación, que non especifica que comunidades reclaman esta medida, di basearse en que non está demostrado que o número de alumnos e alumnas inflúa na calidade do ensino e que as ratios alumnado/profesorado é máis baixa en España que no resto dos países da OCDE.
Para o STEG o feito de que desde o Ministerio, co Ministro á cabeza, se afirme que as ratios non inflúen na calidade do ensino, demostra un absoluto descoñecemento da realidade das aulas, nas que un alumnado heteroxéneo, diverso, plural…,require unha atención en moitos casos personalizada, atención que se presta mellor e é máis efectiva cando diminúe o número de alumnas e alumnos que hai na aula. O STEG considera que de se levar a cabo esta medida, agravaríanse os problemas do ensino, aumentando o fracaso e o abandono escolar, dificultando en extremo o traballo do profesorado, e,por se isto fóra pouco, enviando ao paro a unha boa parte do profesorado interino.
Desde o STEG, a través da Confederación de STES, formulamos ao Ministerio a necesidade de que se deixe de filtrar noticias intereseiras que crean alarma na comunidade educativa, e que abandonen esta “idea” que, de se levar a cabo, suporía un retroceso histórico nas condicións nas que o alumnado recibe as súas clases e nas que o profesorado as imparte, así como que se tomen medidas para rematar cos recortes no ámbito educativo.