Contratos - Programa
Resulta preocupante que os programas se escollan en función da viabilidade e non das necesidades do alumnado
O mellor contrato sería: aumento do profesorado, diminución das ratios, paralizar o desvío de diñeiro público para a concertada: centros que segregan por sexo, programa Abalar, centros plurilingües...
Desde o STEG, aínda sabendo do seu carácter experimental, a maior preocupación é que non sexa un programa de carácter universal para todos os centros educativos. Para o STEG o traballo para a mellora da calidade do ensino debe ser unha obriga tanto da administración educativa como de todos os centros galegos. Valoraremos positivamente todo programa para mellorar a calidade educativa sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1. Que se converta nun programa universal e que serva para eliminar a discriminación educativa froito, fundamentalmente, das desigualdades sociais. De non ser así, os contratos programa, dependendo da súa xestión, poden afondar nas desigualdades entre centros e no dereito do alumnado á mesma calidade educativa
2. A obrigatoriedade en todos os centros de medidas de loita contra o fracaso escolar e de mellora da calidade educativa
3. O compromiso da administración non só de facer máis eficientes os recursos actuais dos centros, senón de aumentar os recursos alí onde sexan necesarios para garantir o dereito a unha educación de calidade en igualdade de condicións. Lembrámoslle que para unha mellora na calidade podían empezar por cumprir o acordo de agrupamentos
De non asumir estes compromisos o STEG solicita a devolución ou retirada deste texto e a presentación dun novo texto.
De non asumir a nosa demanda dun novo texto con criterios expostos queremos deixar constancia dos elementos que é imprescindíbel modificar no texto presentado:
1. Os centros deben ser seleccionados pola administración ( nomeando unha comisión ) entre aqueles que máis o necesiten debéndose repartir estes recursos en función das necesidades de cada centro que a administración debe coñecer. Non pode depender o programa da maior ou menor implicación do profesorado do centro educativo, senón das necesidades reais do alumando. De non facelo así estamos a abrir aínda máis a diferenza que poida haber entre centros. Neste sentido é preciso o establecemento dunha comisión que analicen e propoñan cales os centros que máis necesidades teñen. Se ademais, como recolle a resolución, considérase un mérito a participación dos centros noutros programas seguimos a favorecer aos centros máis implicados c o seu alumnado. Ademais non podemos esquecer que a dotación de recursos (tanto persoais como materias) por parte da administración será imprescindíbel para conseguir os obxectivos.
2. As direccións dos centros non poden asumir aínda máis carga e moito menos sen a formación precisa. Entendemos que neste traballo debe, cando menos, participar o Dpto. de orientación e a administración debe asumir a obriga da formación necesaria para este traballo.
3. A participación das institucións da contorna nunca debe ser un requisito, en todo caso debe aparecer só como algo desexábel. No mesmo senso a condición da participación en rede da comunidade educativa semella pouco realista, en especial se facemos unha avaliación do que está a ser o programa abalar. Hai que engadir ao anterior que o criterio para a selección de programas sexa a implicación das familias e institucións cando temos experiencias das dificultades desta implicación.
4. É preciso introducir un concepto máis positivo de convivencia e valorar aqueles proxectos onde se realicen importantes programas neste campo. Non debemos asociar a convivencia sempre a mala convivencia e a conflito en sentido negativo. Tampouco asociar resultados académicos exclusivamente a problemas de convivencia xa que é simplista e seguramente falso.
5. Nos obxectivos do programa a competencia lingüística debe facer referencia específica á lingua galega, xa que os informes de sociolingüística indican a necesidade dun maior esforzo na nosa lingua para mellora a competencia do nos alumnado.
6. A difusión das boas prácticas debe ser un obxectivo interno para mellorar a formación a partir das experiencias. Debemos ser moi escrupulosos nesta difusión evitando unha competitividade innecesaria e unha estigmatización negativa e probablemente falsa dalgúns centros.
7. Coidamos que todos os esforzos deben dirixirse ao alumando con dificultades para evitar o fracaso escolar (é o que recolle o asinado co ministerio). Entendemos que ás medidas propostas para a atención ao alumnado con mellor rendemento xa son unha obriga do profesorado ademais de ser alumando que máis doadamente acadará o éxito escolar. Entendendo que o apoio a todo o alumnado é necesario, mentres haxa taxas elevadas de abandono e fracaso escolar, debe dárselle prioridade á loita contra o fracaso escolar.
8. Resulta preocupante que os programas se escollan en función da viabilidade e non das necesidades doa alumnado. Máxime cando non se especifica que é a viabilidade, isto soluciónase se é a administración ( mediante unha comisión formada para tal efecto) a que decide os centros seleccionados en función das necesidades.
9. A avaliación dun programa destas características con tan pouco tempo de vida resultará difícil, máxime se partimos da dificultade de fixar os indicadores que se lle obriga a establecer ás direccións sen proporcionarlle a formación necesaria.
10. Nestas circunstancias un período de dous meses para formación do profesorado, información das necesidade e logo selección dos centros que se acollerán ao programa resulta imprescindíbel.
11. A resolución debe contemplar a aplicación das partidas orzamentarias e non debe desviar diñeiro dos programas asinados polo Ministerio (dirixido á loita contra o fracaso escolar) para o programa da excelencia da Consellaría.