A publicación da orde pola que se regula o criterio de admisión do alumnado en centros públicos e concertados vén dar cobertura legal a prácticas discriminatorias amplamente estendidas entre os centros concertados e que agochan, baixo o mantra liberal do dereito á escolla do centro educativo por parte das familias, o “dereito” destes centros a escoller o alumnado. A Consellaría anunciou hai meses a súa intención de introducir un novo apartado entre os criterios aplicados para establecer a orde de prioridade na adxudicación de postos escolares nos casos nos que a demanda excede á oferta de prazas. Este apartado permitiría aos centros educativos establecer un criterio propio complementario que, supostamente, aumentaría a “autonomía dos centros”. Cómpre salientar que unha medida deste tipo non ten sido demandada nunca desde as persoas e organizacións representantes dos centros públicos por entenderse que nos mesmos debe primar a igualdade de oportunidades de todo o alumnado á hora de acceder a unha praza escolar, independentemente do centro público do que se trate. A determinación da Consellaría de implementar a medida anunciada só cabe interpretala, xa que logo, como unha concesión aos centros concertados para dar maior cobertura legal ás súas prácticas habituais de selección de alumnado. Con este obxectivo, a Consellaría permite aos centros que o desexen introducir un punto máis no baremo que reforce calquera dos apartados recollidos na orde, o que rompe o delicado equilibrio entre os mesmos.
Imaxinamos algún centro primando ao alumnado con dicapacidade propia ou dos seus proxenitores? Quedará o apartado da renda per cápita da unidade familiar, que beneficie ás rendas máis baixas, superado pola acreditación de ser familia numerosa?
Resultarán prexudicadas ou beneficiadas as familias monoparentais por esta medida? A prentensión da Consellaría de que é imposible responder a estas preguntas de maneira xenérica, que dependerá de cada circunstancia, reflicte o grao de cinismo do que é capaz na súa pretensión de implementar unha segregación cada vez maior nos centros educativos. A medidas coma esta hai que engadir a ausencia de ningún plan estratéxico para rematar cos chamados “centros-guetos” existentes en todas as ciudades galegas, nas que se escolariza de xeito prioritario ao alumnado inmigrante, de etnia xitana e de rendas máis baixas sen facer unha aposta decidida por rematar cunha situación de marxinalidade que difícilmente pode garantir a igualdade de oportunidades que o dereito á educación supostamente debe garantir.
Desde o STEG facemos un chamamento a todos os centros públicos para que non se acollan á opción de “reforzar” algún dos apartados recollidos na orde en detrimento dos restantes e esiximos á Administración que analice e faga públicos os resultados desta medida para permitir valorar a toda a sociedade se este é o tipo de “liberdade” coa que se pretende defender unha sociedade máis xusta.
Secretariado Nacional do STEG