STEG ó día · STEG opina

13-05-2010

Novo ataque ao estado do benestar. O poder económico ordena e o goberno executa

Medidas do goberno fronte á crise

O presidente do goberno confirmou, o pasado 12 de maio, o que xa era unha evidencia: a claudicación do Estado, que debería defender os intereses xerais do pobo en tanto que é o seu representante lexítimo, fronte ao poder económico, organizado en consellos de administración que actúan sen control democrático.
Efectivamente, logo de afirmar que o seu goberno nunca faría recaer sobre as clases medias e baixas o peso da crise, Zapatero aceptou as directrices económicas do gran capital e presentou unhas medidas de axuste que afectan, directamente, ás clases traballadoras:
• a redución inmediata do 5% do soldo dos empregos públicos neste ano en curso e conxelación do salario a partir do ano que vén;
• a suspensión en 2011 da revalorización das pensións, agás as non contributivas e as mínimas, o que significa que as contributivas non se actualizarán o próximo ano de acordo co IPC;
• a supresión, a partir do 1 de xaneiro de 2011 do cheque-bebé, a prestación de 2.500 € por nacemento ou adopción dun fillo ou dunha filla introducida polo goberno no 2007.

A repercusión destas medidas é evidente: a redución do poder adquisitivo da clase traballadora, que nos últimos vinte anos leva perdido arredor do 20% da súa capacidade adquisitiva, que se sumará ao incremento do IVE a partir do 1 de xullo de 2010, un imposto que grava por igual as clases podentes e ás desfavorecidas. Ademais, non podemos esquecer que atrás virán outras medidas das que se leva moito tempo falando: o retraso da idade de xubilación -outra medida que repercutirá negativamente sobre as clases baixas de menor esperanza de vida e sobre a poboación xuvenil en busca de emprego-; o copagamento polo uso de servizos sanitarios e farmacéutico; e a contrarreforma laboral, que facilitará o camiño ao despedimento libre e a precarización máis absoluta da clase traballadora.

O máis dramático, non obstante, é que esta medida chega despois de que o goberno suprimise o imposto de patrimonio, rebaixase o imposto de sociedades, rebaixase os topes máximos no IRPF, rebaixase as cotizacións sociais das empresa, privatizase e externalizase os servizos públicos...

Queren saír da crise? Precisan medidas eficaces? Búsquense onde están: aumenten os topes máximos do IRPF para as rendas máis altas; restauren o imposto do patrimonio; limiten a relación existente entre o salario menor e o salario maior dunha empresa; persigan o fraude fiscal e os paraísos fiscais; impoñan a taxa Tobin sobre as transacción monetarias e financeiras a curto prazo; supriman o réxime das SICAV; reduzan o gasto militar; retiren as axudas ás Igrexas...

Nós non somos responsables da crise. Non admitamos ser as súas vítimas por máis tempo.

O goberno, coas súas medidas, quere contentar aos "mercados"; os cidadáns e cidadás imos esixirlle que nos contente a nós.
Para isto, o STEG convoca a todo o funcionariado, pertencente aos corpos docentes, á folga do día 8 de xuño para manifestarmos contra as inxustas medidas tomadas polo goberno do estado e para esixirlle que tome as que non se atreveu a tomar.

Secretariado Nacional do STEG
Maio 2010

Arquivo en pdf para imprimir

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza