STEG ó día · STEG opina

10-03-2016

O PP apadriña o

Rexistro de delincuentes sexuais

Rexistro de delincuentes sexuais:  o PP apadriña o "Crimental" de George Orwell
 
Ao abeiro da aplicación da nova Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia, aprobada en xullo do ano pasado, que inhabilita para traballar en contacto con menores a todos os condenados en firme por delitos sexuais, diversos gobernos autonómicos deron pasos que atentan contra o dereito á intimidade do profesorado do ensino público.
 
A norma en cuestión prevé a creación dun Rexistro Xeral de delincuentes sexuais. Pero, de xeito transitorio até o pasado un de marzo no que se puxo en marcha este rexistro, dispuña que se esixira ás persoas traballadoras a presentación dun certificado de penais. O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade deu instrucións ás comunidades autónomas para que se reclame o documento ás persoas traballadoras que accedan a postos onde se teña trato cos menores. 
 
O  certificado de penais é un documento emitido polo Ministerio de Xustiza que, ao xeito unha vez máis do Gran Irmán de Orwell (que inventara a figura do "crimental" ou crime mental, e lexislaba mesmo sobre o pensamento, podendo acusar inopinadamente a calquera) culpabiliza de partida a persoa. Nel recóllense todas as condenas firmes por delitos. Até a aprobación da lei antes citada, esixíase exclusivamente aos traballadores que acceden a postos vinculados á administración de Xustiza, aos corpos e forzas de Seguridade do Estado, ás Forzas Armadas e tamén ás empresas de vixilancia privada. 
 
O STEG quere manifestar o seu desacordo contra esta esixencia do Goberno porque este requerimento atenta contra a presunción de inocencia e porque sitúa por enésima vez o profesorado no punto de mira da cidadanía e da opinión pública, favorecendo o cuestionamiento gratuíto do seu traballo. A Administración ten que ter coñecemento das persoas que desenvolven o seu traballo nos centros educativos, e ten que dispoñer as ferramentas para que a comprobación de datos se produza do xeito menos lesivo para o persoal docente; pero este requerimento específico vai máis aló e culpabiliza de partida as persoas traballadoras, tendo as mesmas que demostrar a súa inocencia e puidera vulnerar a lexislación relativa á protección de datos persoais.
 
Unha medida para o 2% dos casos
 
Tanto a violencia intrafamiliar como os malos tratos infantís son problemas comunitarios moi graves e dolorosos, e por tanto, toda a cidadanía temos a obrigación de asumir un protagonismo activo na súa erradicación. Poida que os casos acontecidos no eido escolar sexan os máis coñecidos mediaticamente, pero é no eido familiar onde máis se debera incidir e cómpre tamén reflexionar sobre estes datos para tomar as medidas axeitadas:
  • O 77% dos casos de abuso e malos tratos foron perpetrados polos pais da vítima.
  • Un 11% correspondeu a parentes do neno ou nena maltratado e tan só un 2% correspondía a outras persoas relacionadas co coidado dos menores.
  • O 10% restante dos perpetradores foron clasificados como non relacionados ao coidado dos infantes (estraños, membros do mantemento da casa, amigos, veciños, entre outros).
O STEG é partidario de combater esta lacra con todos os instrumentos de que dispón a Administración, no camiño de erradicala, pero preservando sempre os dereitos fundamentais das persoas e evitando a denigración do colectivo docente, xa bastante castigado de forma gratuíta nos últimos anos, especialmente dende a chegada do PP ao poder.
Permanente do SN do STEG
10 de marzo de 2016
 
 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza