PROFESORADO INTERINO:
A sentenza publicada onte polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén constatar o abuso na contratación temporal por parte da Administración pero segue sen achegar garantías xurídicas para a estabilidade interina. O STEG urxe ao goberno e as administracións competentes para adoptaren medidas efectivas e paliar esta evidente situación de abuso.
Onte 19 de marzo, acabamos de coñecer a agardada sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ( TXUE) nos asuntos acumulados C 103/18 e C 429/18 que teñen por obxecto senllas peticións de decisión prexudicial expostas polo Xulgado Contencioso-Administrativo n.º 8 de Madrid e o Xulgado Contencioso-Administrativo n.º 14 de Madrid. A sentenza abonda na constatación do abuso da contratación temporal por parte da Administración, sinalando de forma clara que a renovación de contratos ou relacións laborais de duración determinada para cubriren necesidades que, de feito, non teñen carácter provisional, senón permanente e estábel, non está xustificada conforme á cláusula 5, apartado 1, letra a), do Acordo Marco, na medida na que tal utilización de contratos ou relacións laborais de duración determinada opónse directamente á premisa na que se basea devandito Acordo Marco.
É dicir, que os contratos de traballo de duración indefinida constitúen a forma máis común de relación laboral e que a concatenación de contratos non exime a Administración da súa responsabilidade para acabar co abuso na contratación temporal. A xuízo do TJUE a directiva opónse tanto á normativa como á Xurisprudencia estatal en virtude das cales, a renovación sucesiva de relacións de servizo de duración determinada considérase xustificada por «razóns obxectivas», polo motivo de que tal renovación responde ás causas de nomeamento previstas nesa normativa.
A sentenza tamén deixa claro que o mero feito de que só exista un nomeamento non pode xustificar a inaplicación da cláusula 5.1 da Directiva. O Tribunal ademais constata que a organización de procesos selectivos para a provisión definitiva das prazas ocupadas provisionalmente por quen son empregados públicos non é unha medida adecuada para sancionar o abuso da interinidade debido a que, nin se convocan nos prazos preceptivos, nin teñen ningún efecto negativo para a Administración incumplidora. Tampouco os procesos de consolidación son adecuados para sancionar o abuso debido a que tales procesos, cuxo resultado é incerto, tamén están abertos a quen non foron vítimas de tal abuso.
Por desgraza, a sentenza non é igualmente clara á hora de establecer cales deben ser as sancións efectivas para castigar o abuso, deixando a cuestión en mans dos xulgados estatais que, en todo caso, deberán respectar o dereito do Estado español á hora de facelo.
Á vista da decisión do TXUE resulta doado anticipar un escenario no que durante os próximos anos seguiremos vendo numerosas sentenzas contraditorias que introducirán, se cabe, máis incerteza e confusión na situación das persoas con contrato de interinidade. Ante esta situación, o STEG xulga que urxe máis ca nunca que o goberno adopte medidas efectivas para paliar esta evidente situación de abuso e resolva dunha vez por todas este grave problema facendo uso decididamente do acceso diferenciado de xeito efectivo e nun sentido amplo, tal e como sempre defendeu o STEG. Por último, poñémonos ao dispor de calquera persoa que teña dúbidas respecto a esta nova sentenza do TJUE para tentar resolvela.
Paralelamente, o STEG xa está a traballar na solicitude de presentación por escrito nos vindeiros días á Consellería e ao Goberno da Xunta dun paquete de medidas que contribúan a:
-que se manteñan os actos de adxudicación cun carácter periódico para poder atender ás situacións de novas baixas que se poidan xerar durante a aplicación destas medidas excepcionais e que permitan garantir en todo momento a atención do alumnado, nas mellores condicións posibles.
– creación dunha prestación por desemprego extraordinaria para aquelas persoas que quedan sen ningún ingreso económico para soportar esta situación de confinamento,
-que se cumpra a norma xa existente na Galiza (punto décimo oitavo da Resolución do 28 de xuño de 2017), relativa aos 5 meses e medio de tempo traballado, período necesario para que o profesorado interino poida cobrar os meses de verán.
A aplicación destas medidas debera garantir a protección do profesorado máis vulnerable e asegurar, ao mesmo tempo, as mellores condicións para poder abordar a inmensa tarefa educativa que supón atender ao noso alumnado nestas difíciles condicións.
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
20 DE MARZO DE 2020